Mos monotoriza o deporte caseiro da veciñanza
Desde hoxe mesmo atópase en activo a nova iniciativa da concellería mosense de Deportes que dirixe a edil Begoña Toucedo: un blog deportivo baixo o título 'Mos co Deporte' elaborado por 5 monitores municipais do Pavillón Óscar Pereiro: Juan Rodríguez, Lorena Lago, Nacho Carballido, Paco Villanueva e Salva Sío, que publicarán contidos diarios no mesmo.
Este novo blog, recén inaugurado, pode ser visitado e vai dirixido en xeral a toda a veciñanza interesada en practicar actividade física nos seus fogares, pero está tamén pensado especialmente para os/as xa usuarios/as de programas deportivos municipais que viron interrompida a súa actividade por mor da actual crise sanitaria do COVID-19.
O obxectivo é motivar á cidadanía mosense para que continúe a manter unha vida activa a pesar das semanas de confinamento. Para elo os monitores deportivos municipais do Concello de Mos irán publicando diariamente contidos que lles sirvan aos veciños e veciñas de guía á hora de realizar actividade física nas súas casas.
Preténdese tamén facer máis soportable o confinamento mediante o deporte aos nenos e nenas, pero tamén aos adultos/as e maiores. Trátase dun blog dirixido a públicos con todo tipo de perfís, con alternativas adaptadas a diferentes idades e niveis de forma física.
Os exercizos propostos son adaptables tamén dependendo do espazo que teña na súa respectiva casa cada un dos/as lectores/as e en función de cantas persoas vivan no domicilio, ou cantas sexan as que queiran realizar a actividade conxuntamente.
Ponse especial fincapé nas persoas maiores de 65 anos do municipio, un colectivo moi habitual e numeroso nos programas deportivos municipais dirixidos a esta franxa de idade, e que desde o Concello de Mos considérase moi importante que non abandoen completamente a actividade física por mor do confinamento. Xa que a propia Organización Mundial da Saúde recomenda, para as persoas maiores de 65 anos, alomenos 150 minutos semanais de actividade física moderada.
Deste xeito o Concello de Mos continúa a apostar polo Deporte a pesar desta situación excepcional derivada do estado de alarma. E, tras por en marcha o programa 'O Deporte non Para en Mos' con vídeos de actividade deportiva monitorizada todos os martes e xoves nas redes sociais municipais, emprende agora esta nova andaina a través deste innovador e pioneiro blog titulado 'Mos co Deporte'.