Mos canteira de taekwondistas
Esta tarde celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción ao club mosense de taekwondo, Zusanli, en recoñecemento polas 8
medallas (3 ouros e 5 pratas) logradas na Copa Xunta de Galicia de Técnica, que se disputou en Sada o pasado 21 de decembro.
No acto estiveron presentes Patricia Gómez, presidenta do
club de taekwondo Zusanli, Alexis Iriarte, adestrador do club de taekwondo
Zusanli, os tres cativos con medalla de ouro na Copa Xunta de Galicia de
Técnica: Leire Fernández, Samara Bouzón, e Tiago Doni; os/as cinco nenos/as que
lograron medalla de prata: Eduardo Román, Adrián Lorenzo, Fabio Pedreira, Brais
Fernández, e Águeda Pedreira; xunto con Nidia
Arévalo, alcaldesa de Mos, Camilo Augusto, tenente alcalde de Mos,
Begoña Toucedo, concelleira de Deportes, demais
membros do equipo de goberno local e demais membros da Corporación Municipal.
A hazaña desde club de taekwondo mosense
comezou en novembro de 2019 cando 12 dos seus integrantes participaron na fase
provincial da Copa, celebrada en Covelo, e na que se clasificaron un total de 9
nenos/as de 6 a 15 anos.
Eses 9 clasificados/as foron os/as que
participaron en Sada o día 21 de decembro na segunda fase, na que case lograron
facer un pleno, xa que lograron 8 medallas: 3 ouros e 5 pratas. Sobre este gran
logro a presidenta de Zusanli, Patricia Gómez, destaca o anecdótico e singular
feito de que “xusto os rapaces de máis curta idade, Leire e Brais, que era a
primeira vez que competían -e o fixeron na mesma categoría-, con tan só 6 anos
de idade, acadaron un primero e segundo postos, respectivamente, na Copa
Galicia”.
Así mesmo Gómez amosouse moi satisfeita
do seu equipo xa que “aínda que outras veces os nosos deportistas chegaran ata
a final do galego, nunca antes nos acontecera que 8 dos 9 que chegaron fixeran
podio, case un pleno; nin que fora unha porcentaxe tan elevada os que se
clasificaran do provincial para o galego”, enorgullécese a directora do clube,
quen destacou, por último que “este gran éxito é tan só froito do esforzo dos
pequenos, das horas de adestramento, da constancia, da disciplina e do afán de
superación; e por suposto tamén do labor do noso adestrador e do seu bo facer”.
Estes rapaces de idades comprendidas
entre os 6 e os 15 anos de idade adestran 3 días á semana no ximnasio Zusanli
de San Eleuterio, parroquia de Tameiga.