Mondariz-Balneario modernizará as instalacións públicas deportivas municipais existentes na Avenida Enrique Peinador
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzou o compromiso do goberno provincial para tender pontes con todas administracións e avanzar na colaboración leal cos concellos durante un encontro de traballo co alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil, que tivo lugar esta semana no Pazo provincial e no que ambos os mandatarios repasaron os proxectos impulsados pola Deputación neste Concello que supoñen un investimento duns 380.000 euros.
Na reunión, o mandatario provincial interesouse polas iniciativas e plans que o goberno local ten en marcha e amosou a vontade da Deputación de cooperar co Concello en asuntos que sexan beneficiosos para a veciñanza e a economía local deste municipio que cumprirá no mes de novembro os seus primeiros cen anos de historia.
Ademais, ambos os dous dirixentes repasaron as iniciativas que impulsa o goberno provincial este ano no municipio a través de programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e o +Provincia. Ao abeiro do primeiro deles, levarase a cabo a modernización, remodelación e mellora das instalacións públicas deportivas municipais existentes na Avenida Enrique Peinador, que supoñen un investimento total de case 30.000 euros, dos que o organismo provincial achega 23.700 euros.
Con respecto ao plan de obras e servizos máis alto da historia da Deputación, o +Provincia, levaranse a cabo neste municipio os proxectos, dentro da liña 1, de acondicionamento da segunda planta da casa do Concello (139.000€), a mellora da eficiencia enerxética na zona da Fonte de Troncoso (31.800€), a renovación da rede de saneamento da Rúa Escobeiro (47.000€) e a subministración de material para o desenvolvemento de actividades culturais e equipamento (23.000€). Mentres que na liña 2 de apoio ao gasto corrente, a Deputación colabora nas actuacións para a conservación e mellora do arborado (23.325€), programación cultural, deportiva e social (11.900€), e actualización dos inventarios de bens municipais (4.300€). Ademais, na Liña 3 de promoción do emprego, o goberno provincial coopera na contratación durante seis meses de nove traballadores por un importe de 60.000 euros.
Este Concello concorre tamén á novidosa Liña 4 do plan +Provincia para redactar proxectos transformadores no que se enmarca o proxecto da humanización da rúa Doutor Blanco Nájera, valorado en preto de 8.000 euros.