Medio de século de biblioteca tudense
A Biblioteca Pública Municipal de Tui cumpre 50 anos de actividade en Tui. As súas primeiras instalacións estiveron na casa do concello e dende 2003 conta con 400 m2 na Área Panorámica. Hoxe a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicentes, e o técnico da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, presentaron en rolda de prensa o programa conmemorativo deste aniversario, que se desenvolverá até o 24 de outubro, cando precisamente se celebra o Día da Biblioteca.
Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, destacou hoxe que “as bibliotecas son espazos para interactuar, socializar e ampliar fronteiras, para crecer coma persoas”. Indicou a edil coma co traslado da biblioteca ao edificio na Área Panorámica melloráronse as instalacións que contan arestora con 65 postos de lectura para adultos, e 24 na sala infantil, 6 ordenadores, acceso wifi libre e gratuíto, consulta de xornais e revistas, libros electrónicos... Apuntaba que “se guiremos facendo melloras nestas instalacións, porque para nós é fundamental, as bibliotecas teñen que estar a carón da cidadanía, e teñen que medrar coa sociedade”. Tiña amais palabras de recoñecemento para Dolores Martínez Gamallo, que foi bibliotecaria tudense nas últimas décadas, e de agradecemento á cidadanía por achegarse á Biblioteca.
O técnico da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, foi o encargado de explicar o programa de actividades previsto estruturado en tres liñas. A primeira delas son actividades para rapaces e adolescentes dentro do programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, no que haberá un obradoiro de Contacontos “Dada o duente” (22/09), contacontos ilustrados “Dulcinea a nena cabaleira” con Anxo Fariña (29/09); contos para pasalo de medo con Carmen Domech (06/10) e contos para bebés con Pavís Pavós (13/10). A segunda liña son actividades para público en xeral nas que se inclúe a coa presentación dos libros “Historia militar de Tui a través de los siglos” e “Muíños do concello de Tui” de Ernesto Iglesias Almeida celebrada o pasado xoves; a presentación do libro “Memorias dun pobo, Santiago de Malvas” de Raimundo Martínez (02/10), e a exposición “Camiño do Humor” de Dávila que no mes de outubro se poderá visitar na Sala de Exposicións Municipal.
A terceira liña xirará entorno ao Día da Biblioteca, o 24 de outubro. Así haberá o martes 20 un encontro con escritores tudense e valencianos no que está xa confirmada a presenza de Marga do Val, Conchi Regueiro e Diego Alfonsín, pendente de sumar unha escritora valenciana. O mércores 21 no Teatro Municipal haberá un encontro con Paula Carballeira, escritora e animadora á lectura. O xoves 22 Raquel Queizás achegará o contacontos “Travesías”, e o venres 23 terá lugar unha xornada entre bibliotecas municipais de Galicia e do Norte de Portugal, onde porán en presentarán as actividades de animación á lectura, entre elas os dez anos do programa “Tui Le”. Na mesma xornada terá lugar unha ruta literaria por Tui. A actividade pecharase o sábado 24, Día da Biblioteca, coa entrega dos recoñecementos ao lectores da biblioteca tudense.
Todas as actividade teñen aforo limitado e precisan inscrición previa na propia Biblioteca ou no correo biblioteca@tui.gal.