Lorenzo lánzase ao reto de construir un novo auditorio para O Porriño
O Concello do Porriño xa deu o primeiro paso para dar resposta a unha das grandes necesidades deste pobo: a construción dun auditorio municipal . Trátase dunha das maiores demandas da veciñanza porriñesa que ata o de agora non conta cun espazo en condicións ao servizo da cultura, o ocio e o entretemento.
“Como sempre dixen para min é un reto que O Porriño se convirta tamén na cidade da Cultura. Temos o esencial, un tecido asociativo veciñal e cultural con iniciativa e moi dinámico, unha programación cultural anual e unha veciñanza con enormes inquedanzas, pero carecemos de instalacións propias que nos permitan localizar e visibilizar toda isto”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Necesitamos un auditorio á altura do Porriño”.
A tal fin, o Gobeno Municipal da o primeiro paso e levará a pleno o investimento necesario para poñer en marcha este proxecto.
O novo auditorio municipal erixirase xunto ao Centro Cultural Municipal, cunha ampliación do edificio que se completará coa urbanización do conxunto da parcela e da rúa Fernández López, aledaña ao mesmo, conectando con outros equipamentos culturais da zona como o Círculo Recreativo Cultural, o Centro Cívico e o local multiusos municipal sito nesa rúa, creando así un espazo público de calidade accesible a todos os veciños. “Será o centro neurálxico cultural e social da vila”, apuntou
A inversión estimada para a execución da nova sala e a urbanización do conxunto da parcela é de 1.871.870 euros, aos que hay que sumar 360.000 para a renovación a Fernández López. Estímase asimismo necesaria unha partida de 30.000 euros para a dirección de ambas obras no momento da súa execución polo que o importe total da inversión proposta será de 2.261.870 euros.
“Estamos ante un investimento necesario dado que o aforo do actual auditorio resulta insuficiente para as necesidades reais da veciñanza, tendo que acudir a entidades privadas como é o Círculo Recreativo Cultural para dar cabida a algún dos eventos programados polo Concello”, continuou o alcalde, indicando que no tocante ao financiamento da inversión programada “están en trámite diversos convenios con axentes financiadores externos como a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Estado a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR- Fondos NextGeneration EU). O concello incorporará como aportación municipal a este proxecto a cantidade de 900.000 euros, a través dun crédito extraordinario”.
“Será unha realidade e antes de que remate esta lexislatura abrirá as súas portas, comprométome”, concluíu Lorenzo.