jueves. 05.12.2024

O Centro Cultural Municipal acolle a exposición dos traballos que os alumnos e alumnas do IES Ribeira do Louro desenvolveron durante este curso nas asignaturas de debuxo técnico e debuxo artístico. 

A mostra foi inaugurada onte nun acto que contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a profesora de Debuxo Técnico e Debuxo Artístico do IES Ribeira do Louro, María José Iglesias, e dos autores das obras. 

Baixo a premisa de imaxinar un Porriño diferente, os mozos e mozas de primeiro a cuarto da ESO deseñaron proxectos arquitectónicos cos que transformar a contorna na que viven. 

“O obxectivo era que aprendesen a proxectar doutra maneira e a ver O Porriño dunha forma diferente, máis moderna, actual, con máis luz…”, explicou a súa profesora, “Hoxe vemos aquí o resultado. Traballar duro pero traballar ben sempre é satisfactorio”. 

O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, felicitou aos mozos e mozas “por ter unhas ideas brillantes e a capacidade de plasmalas para deixar a súa pegada”. Unhas ideas que van dende aparcadoiros, parques, museos ou miradores que adaptarían O Porriño á visión da xuventude. 

“É moi importante que as novas xeracións nos marquen o camiño a seguir coa súa creatividade e ilusións, coa súa maneira de ver o seu pobo e deseñar o seu futuro”, afirmou o alcalde, “Coa súa ilusión ilusiónannos a todos”. 

A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (3º andar) ata o día 30 de xuño.

 

Imaxinar un Porriño diferente
Comentarios