Homenaxe ao mestre Rogelio Groba
Será cun concerto a cargo da Orquestra da Cámara Galega o vindeiro 25 de febreiro na igrexa do Convento de Canedo
Ponteareas quere render unha sentida homenaxe a un dos seus fillos predilectos, o músico e compositor Rogelio Groba Groba. O vindeiro 25 de febreiro, a Orquestra da Cámara ofrecerá un emocionante concerto na igrexa do Convento de Canedo baixo a batuta do fillo do mestre Groba, Rogelio Groba Otero.
O concerto, promovido por Concello, Orquestra de Cámara Galega e Fundación Rogelio Groba, será as 20.00 horas con entrada libre ata completar aforo.
Tras o seu falecemento o pasado 31 de decembro aos 92 anos, a música será a mellor forma de recordar e enxalzar a figura “dun ponteareán exemplar, unha persoa próxima e amábel e un traballador único e incansábel que nos deixou un legado musical que supera as 700 composicións, o que o converte no compositor máis prolífico do noso país. É sen dúbida un referente para Galicia e un verdadeiro orgullo para Ponteareas”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
Entre o inmenso legado musical de Groba poden atoparse distintas obras inspiradas en Ponteareas, que o mestre dedicou á vila e entregou ao Concello como mostra da súa xenerosidade. Ao longo da súa traxectoria profesional, Rogelio Groba colleitou numerosos premios e recoñecementos, como o Premio da Crítica Galega (1979), a Medalla Castelao (1995), Galego do Ano (2002) ou o Premio Cultura Galega da Música (2011), entre outros. En Ponteareas, foi nomeado Fillo Predilecto no ano 2006 e foi homenaxeado co bautismo dunha rúa co seu nome no 2016.