Gándaras de Budiño, datar con precisión as pezas paleolíticas que agocha a zona da lagoa

Os estudos permitirán determinar se o xacemento das Gándaras de Budiño é o máis antigo de Galicia.
“Os xacementos das Gándaras de Budiño sempre foron referentes en Galicia tras o seu descubrimento de Emiliano Aguirre no ano 1961”, explicou Eduardo Méndez,  “Nese momento os avances científicos non permitían datar con precisión, e o estudo que se fixo determinou que tiña unha antigüidade duns 26.000 anos cando estimamos que poderían ter unha idade que ronda os 300.000 anos”.

Un equipo de arqueoloxía busca no Porriño vestixios dos primeiros homes de Galicia. Os investigadores, liderados polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas (Universidade de Vigo) e Manuel Santonja (prestixioso arqueólogo do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana CENIEH),  interveñen no xacemento das Gándaras de Budiño cun obxectivo principal: datar con precisión as pezas paleolíticas que agocha a zona da lagoa.

O estudo, que conta co apoio do Concello do Porriño, revelará se, como sospeitan os especialistas, nas Gándaras están os primeiros rastros de presenza humana en Galicia.

“Os xacementos das Gándaras de Budiño sempre foron referentes en Galicia tras o seu descubrimento de Emiliano Aguirre no ano 1961”, explicou Eduardo Méndez,  “Nese momento os avances científicos non permitían datar con precisión, e o estudo que se fixo determinou que tiña unha antigüidade duns 26.000 anos cando estimamos que poderían ter unha idade que ronda os 300.000 anos”.

Así, nun prazo estimado de dous meses teranse os resultado das analíticas realizadas ás pezas atopadas nesta sondaxe que determinarán se o das Gándaras de Budiño é o xacemento máis antigo de Galicia.

“Estes estudos teñen un valor que vai moito máis aló do local e do autonómico, xa que permitirán desbotar esa idea errónea de que en Galicia o paleolítico ía con retraso e coñecer con máis precisión os movementos humanos en Europa na prehistoria”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O noso concello garda datos de gran valor para todo o mundo”.

A intervención, que se estenderá ata o domingo, continúa coas sondaxes e está a obter resultados moi valiosos e inesperados xa que, como apunta o director do equipo, non é habitual atopar tal densidade de pezas e a ese nivel de superficie en xacementos ibéricos.