Fotografías para entender a parte científica da loita contra o cancro
Desde a Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro levan 50 anos mellorando a vida das persoas con cancro con máis investigación. Sen dúbida a AECC converteuse nun axente social clave na loita contra esta enfermidade.
A exposición fotográfica “50 anos cambiando a historia do cancro” #investigandoencáncer, chega ao Porriño para conmemorar este medio século de actividade, dando a oportunidade á veciñanza de descubrir como é un laboratorio, a través das imaxes realizadas polo fotógrafo Míchelo Toro, e os resultados de investigación sobre o cancro máis destacados dos últimos anos contaron co apoio da AECC. En total recolle 12 fitos nacionais, xunto con dous pertencentes á provincia de Pontevedra, entre os que se atopan o Dr. Joao M Fernandes e a súa investigación sobre o cancro de colon e a Dra. Mónica Martínez no caso do de pulmón.
“O noso obxectivo é alcanzar o 70% de supervivencia”, explicou Mari Palacín en nome da delegación local da AECC no Porriño, “A investigación evolucionou moitísimo na súa maneira de entender esta enfermidade, de abordar os verdadeiros retos aos que se enfrentan os investigadores e, sobre todo, nos últimos anos os avances tecnolóxicos supuxeron unha verdadeira revolución na investigación do cancro. Para entender como podemos prevelo, detectalo de forma precoz, tratar a enfermidade e comprender as recaídas”.
“O cancro é un inimigo común ao que só podemos plantar cara xuntos e por iso convídovos a todos e todas a visitar esta exposición na praza Arquitecto Antonio Palacios e coñecer un pouquiño máis sobre todo o que conseguimos en 50 anos de loita conxunta e, con iso, saber todo o que podemos conseguir”, afirmou o alcalde, “O meu agradecemento a Chelo Conde, presidenta delegación no Porriño e a todas e todos os súas integrantes, así como ao coordinador da xunta provincial, Telmo Crespo, por contar con nós. Reiterar a man tendida do Concello para concienciar e visibilizar esta enfermidade”.