Festival Intercéltico O Son do Pazo

Un momento da presentación coa alcaldesa mosense.
 A música empezará a soar o venres 2 de setembro, ás dez da noite, da man da banda de gaitas anfitrioa, Airiños do Castelo, que dará paso as actuacións de Faíscas da Pontraga e Caldo y Os Rabizos, unha banda procedente do occidente asturiano que traerá a Mos o repertorio tradicional das terras do Eo-Navia.

O Festival Intercéltico O Son do Pazo recupera, na súa sétima  edición, o seu formato habitual na contorna do Pazo de Mos. Tras unha edición condicionada polas restricións sanitarias en 2021, este ano o acceso ao recinto volverá ser libre e gratuíto para todo o público, que poderá gozar da música de bandas e artistas de referencia da escena folk e “tradi” actual.

 A música empezará a soar o venres 2 de setembro, ás dez da noite, da man da banda de gaitas anfitrioa, Airiños do Castelo, que dará paso as actuacións de Faíscas da Pontraga e Caldo y Os Rabizos, unha banda procedente do occidente asturiano que traerá a Mos o repertorio tradicional das terras do Eo-Navia.

O sábado 3 de setembro a festa prolongarase durante toda a xornada cunha programación pensada para todas as idades. A mediodía, en horario de sesión vermú, o público infantil terá a oportunidade de cantar e bailar co espectáculo de Pakolas e Abril levará a súa música á carpa do festival. A organización ofrecerá a posibilidade de xantar no propio recinto e a partir das 16.30 horas, Os Charangaitos encargaranse de amenizar a sobremesa. 

O seu pasarrúas precederá ao obradoiro de baile tradicional, aberto á participación de todas as persoas 
interesadas, que nesta ocasión dirixirá o mestre lucense Xabi Iglesias. Xa pola noite, a música volverá ao escenario principal do Son do Pazo, polo que pasarán a banda de gaitas de Herville, o dúo Caamaño&Ameixeiras, Xurxo Fernandes co seu espectáculo ‘Levaino!’ e Ailá, que se encargarán de pechar a festa por todo o alto co seu repertorio bailable e animado.

COLABORADORAS

Na presentación do evento, xunto á comisión organizadora, formada por membros da directiva do Centro Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos e compoñentes do grupo de baile e a banda de gaitas Airiños do Castelo, participaron ademais representantes das distintas institucións e entidades patrocinadoras. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo,agradeceu na súa intervención a colaboración da Xunta de Galicia e AGADIC e a responsable da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, reiterou o compromiso do 
ente provincial coa organización do evento. O acto contou, ademais, coa participación de responsables da Comunidade de Montes e a Fundación Pazo de Mos, cuxa axuda é imprescindible para a celebración do Son do Pazo.