Festas de San Telmo

Presentación das Festas San Telmo.
O inicio da festa terá lugar co pregón popular que lerá o actor Luís Zahera o sábado 16 ás 11.45 h na praza da Inmaculada. 

Tui vai celebrar as Festas de San Telmo 2022 do 16 ao 25 deste mes de abril cun programa “ambicioso, moi completo e innovador”. Así o explicaba esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, na presentación dos festexos patronais, na que participaron tamén a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a concelleira de Comercio, Emprego, Formación e Igualdade, Ana Núñez, o concelleiro de Medio Rural e Deportes, Rafael Estévez, e o concelleiro de Seguridade e Persoal, José Ramón Magán.

O inicio da festa terá lugar co pregón popular que lerá o actor Luís Zahera o sábado 16 ás 11.45 h na praza da Inmaculada. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicaba que “se cambiou a filosofía do pregón porque entendiamos que debía ter un carácter máis popular e festivo”. Engadía que o acto institucional pasa a ser a gala de entrega dos premios Cidade de Tui, que terá lugar o mesmo sábado ás 19.30 h no Teatro Municipal “nos que se recoñecerá a unha persoa e a un colectivo que dalgunha forma a súa traxectoria estea baseada na implicación na cidade dende moitos puntos de vista”.

Explicaba tamén o rexedor tudense que outra das apostas deste ano é a deslocalización das actividades que se celebrarán en até seis puntos da cidade con eventos festivos. Será así o Paseo da Corredoira, a rúa Compostela, as prazas de San Fernando e San Telmo, o edificio Francisco Sánchez, e o espazo feira na prolongación da travesía da rúa Casal Aboy.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, indicou que logo de dous anos as festas celébranse este ano “cun programa ao uso”.  A música moi presentes nestes festexos segundo explicaba a concelleira con concertos de grupos coma Efecto Pasillo, xunto a outras agrupacións emerxentes e da zona coma Micalip’s, No All Kansas, Rockin' Gina & The Sentinels, Laura LaMontagne & PicoAmperio + Dj Enter + G Face + Dj Adrian L, e Lucky Duckies. As charangas tudenses Cantos Somos e A Tu Ritmo actuarán polas rúas, ao igual que a Escola de Gaita e Percusión “A Insua” de Caldelas, a Banda de Gaitas “Arume” de Malvas, e a Banda de Gaitas “San Xoan” de Paramos que actuará na praza de San Fernando. Tamén protagonizarán pasarrúas Troula Animación e Hípica Celta.

Non faltará o son das bandas de música coa Banda de Música Popular de Tui, xunto ás de Salvaterra, Monçao, Lanhelas, e a da Escola Naval Militar de Marín. O público familiar poderá gozar na carpa da Corredoira coa maxia de Samuel Moreno, o circo de Cia Assircopatas, a música de Pakolas e Odaiko, e o teatro con Culturactiva.

Avanzou tamén Sonsoles Vicente que da man do festival Música no Claustro o domingo 24 na Catedral recuperarase a Misa medieval de San Telmo co concerto de Seconda Pratica de canto gregoriano.   

O domingo 17 ás 17.30 h celebrarase no Teatro Municipal o Festival Folclórico coa participación dos grupos locais Traxe Tradicional, Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro) e San Telmo. Do mesmo xeito regresa tamén a Semana do Teatro Amador cos grupos San Fins de Rebordáns, Aloia de Pazos de Reis, Atalaia do Centro Sociocomunitario Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe, estreando todos eles novas montaxes.

As corais tudenses do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres, e San Telmo actuará tamén estes festexos no centro de día Amoralia, e nas residencias Paz e Ben e San Telmo.

Outra das novidades deste ano será o fin de festa, o luns 25, cunha tirada de Fogos Piromusicais.

A gastronomía será outro dos pratos fortes destes festexos. Do 8 ao 25 deste mes celebrarase a Festa do Meixón que será presentada este xoves. E o sábado 16 e domingo 17 na praza da Inmaculada celebrarase o I Encontro de Viños da Raia. Con este evento, coma sinalou a concelleira Ana Núñez, ”búscase promocionar as adegas locais, da contorna e da outra beira do Miño”. Explicaba que participarán dez adegas de pequenos produtores que presentarán viños brancos, tintos e espumosos.

O deporte está presente neste programa coa Carreira Popular de San Telmo que se celebrará o o sábado 23 organizada polo Club Atletismo Tui, coa Andaina Popular de San Telmo  organizada polo club Andatui o domingo 24, e coa Feira Cabalar en San Bartolomeu que terá lugar o luns 25, Día de San Telmo, coa implicación da Asociación de Veciños de San Roque e San Bartolomeu, o Club Equigalia, Hípica Marcos, e a Peña Cabalar Valle do Louro coma explicaba o concelleiro de Deporte, Rafael Estévez.

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, avanzou que xa dende esta Semana Santa e logo na fin de semana de San Telmo darase protagonismo ás persoas coa peonalización dun tramo de Augusto Besada e da Corredoira, do mesmo xeito que indicaba que na travesía da rúa Casal Aboy, haberá restricións no tráfico cando se celebren concertos neste emprazamento.