Feiraco regala paraugas conmemorativos do encendido das luces e no lineal de leite de grandes superficies viguesas
O acto oficial de acendido das luces de Nadal en Vigo vai ter lugar este venres, 24 de novembro, na Porta do Sol, ás 20:30 horas. A empresa láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, con sede no concello coruñés de Ames, vaise sumar a esta celebración con todos os vigueses, viguesas e visitantes da cidade olívica.
Ao longo da fin de semana, a láctea vai estar presente en Vigo con diferentes iniciativas. En particular, repartiranse paraugas de Feiraco. Trátase dun paraugas especialmente pensado e deseñado para os vigueses, inspirado no seu Nadal. Levan o logotipo de Feiraco e unha das frases popularizada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, readaptada pola empresa galega co fin de achegar o mundo gandeiro e rural ao conxunto da cidadanía. A recoñecida frase “With the lights, with the music” do rexedor transfórmase para esta ocasión en a “With the cows, with the music”.
Con motivo do acendido das luces de Nadal en Vigo, Feiraco repartirá este venres 1.500 paraugas con esta célebre frase entre todos os asistentes, para o que a láctea estará presente en diferentes puntos da cidade. Ademais, en datas posteriores repetirase esta iniciativa en catro supermercados vigueses, para que todos aqueles que non conseguiran o seu paraugas no acto de acendido das luces teñan unha nova oportunidade de facelo. Unha azafata de Feiraco estará dentro do supermercado, xunto ao lineal do leite, regalando paraugas a todas as persoas que merquen dúas caixas de leite Feiraco. Esta proposta levarase a cabo durante toda a mañá o sábado 25 no Alcampo Vigo II e o 2 de decembro no Alcampo Vigo I. A través das redes sociais de Feiraco iranse anunciando novas datas para o reparto de paraugas en máis supermercados vigueses.