“Están deseñadas para optimizar os recursos económicos dos que dispoñemos e atender ao verdadeiramente importante, as persoas e ás súas necesidades”, di Lorenzo tras aprobar os orzamentos do Porriño
O pleno do Concello do Porriño aprobou este xoves, co voto favorable do equipo de goberno, o Orzamento Municipal para o que resta de exercicio 2023 que ascende a 19 M de euros, o que supón un incremento do 36,23% respecto ao anterior e o posiciona como máis ambicioso da historia do municipio.
Unhas contas pensadas para servir á veciñanza do Porriño, atender ás prioridades económicas e poder ofrecer unha xestión eficiente e ordenada no que respecta aos gastos e ingresos dentro dun marco de estabilidade orzamentaria. En definitiva, unhas contas que, tal e como explicou o rexedor, “están deseñadas para optimizar os recursos económicos dos que dispoñemos e atender ao verdadeiramente importante, as persoas e ás súas necesidades”.
Isto queda reflexado nas partidas reservadas polo executivo para atención social. Esta área é unha das máis reforzadas dotándoa de 2,2 M de euros, o que supón un incremento do 94%. Esta cantidade permitirá reforzar os servizos sociais dotándoos de máis persoal e medios para cumprir na prevención de axuda no coidado dos nosos maiores ou a atención e integración social das persoas menos favorecidas.
No tocante ao gasto en persoal, o orzamento recolle a dotación necesaria para facer frente ás retribucións do persoal ao servizo do Concello recollidas na Relación de Postos de Traballo que se aprobou no ano 2019 sen contar con crédito suficiente no orzamento, o que lastraba a contabilidade municipal ao ter que recurrir a modificacións de crédito para poder dar cobertura á mesma. Co fin de regularizar esta situación a partida dirixida a persoal increméntase nun 33,95%, aumentándoa en 1,6 M de euros.
Como xa dixemos a nova folla de ruta económica pretende ofrecer seguridade e estabilidade á xestión neste exercicio, polo que se centra tamén na dotación necesaria para poder atender os compromisos adquiridos cos provedores que teñen contratos en vigor formalizados co concello, así como en permitir pechar novos contratos que permitan prestar servizos de maneira regulada e legal, logo de moitos anos cunha situación de ausencia de licitacións total e absoluta, especialmente grave nos casos dos servizos obrigatorios con maior custe económico para o Concello, como son a recollida de lixo, a limpeza viaria, o mantemento de xardíns e desbroces, a xestión da piscina municipal ou o servizo de axuda no fogar. Por iso o gasto corrente destinado a atender estes contratos representa un 57,54% do total do orzamento.
Resalta na folla de ruta económica a área de Cultura. “Trátase dun valor esencial e un recurso imprescindible do desenvolvemento intelectual”, apuntou Lorenzo, “Polo que seguiremos desenvolvendo unha programación atractiva e moi pendentes da xuventude e das súas necesidades”. A tal fin esta partida increméntase nun 18,38%. Tamén se reforza o eido da Educación cun aumento do 31,25%.
Inclúense tamén novas subvencións nominativas a asociacións do eido veciñal e social que ata o de agora non contaban con achega municipal directa, como é o caso de COGAMI, AFAGA ou OSÍLICE. Destacar neste punto que a maiores se dará cobertura a outras asociacións locais con modificacións orzamentarias que se levarán a pleno nas próximas semanas.
As comunidades de augas tamén se ven reforzadas neste orzamento, case duplican a súa dotación pasando de 95.000 euros a 175.000 euros.
En canto aos ingresos, tal e como relata o alcalde “a liña principal de traballo marcada por este Goberno á hora de elaborar este orzamento foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno aforro para os petos dos porriñeses e porriñesas no momento tan convulso no que estamos a vivir. Por iso se traballa na bonificación de diferentes impostos como sa xe fixo co IBI, a pesar de contar coa porcentaxe mínima establecida, e como se está a facer co ICIO e o IAE”. Lorenzo explicou que a súa política fiscal “basearase na inspección, e sobre todo na depuración e actualización dos padróns de recadacións, xa que o bo comportamento dos ingresos é debido ao crecemento económico en relación á incorporación de máis usuarios á prestación dos servizos, así como á permanente depuración dos mesmos. En definitiva, unha boa xestión económica permitiranos non aumentar a presión fiscal sobre as familias”.
O alcalde, rematou destacando a importancia deste Orzamento de cara a poñer en marcha O Porriño e darlle a estabilidade económica que require para seguir crecendo e facendo cidade. “Este é se cabe o documento máis importante para o desenvolvemento e a prestación de servicios dun Concello e debe facerse de maneira realista e responsable. Pensando na xente e no seu futuro e deixando a un lado os intereses e a pugna política”, concluíu o rexedor, “Iso é o que pretendemos e iso é o que fixemos. Traballamos xa nas contas para o seguinte exercicio que darán continuidade ao noso proxecto e nos próximos días levaremos a pleno numerosas inversións como o pago de facturas ou proxectos de saneamento con cargo ao remanente, algo que nos permite o contar cunhas contas saneadas e estables”.