O MUMI

Espazo Loja, Encontro de Editoras Musicais

Varias editoras de Galiza e Portugal mostrarán as súas producións discográficas e editoriais dentro do Espazo Loja, unha nova actividade incluída no programa desta 4ª edición do MUMI que ten como obxectivo ofrecer ás editoras galegas e portuguesas un punto de venda e presentación das súas novidades editoriais e discográficas.

O MUMI contará a partir desta edición cunha nova actividade dirixida á promoción e venda física de producións editoriais e discográficas da industria galega e portuguesa, dentro do apartado bautizado como Espazo Loja, e concebido como un Encontro de Editoras Musicais. O Espazo Loja estará funcionando o sábado 23 de setembro no Hall do Teatro Municipal de Tui, en horario de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 21.30h, e acollerá os catálogos da portuguesa Tradisom, e das galegas aCentral Folque e Através Editora
 
PRESENTACIÓN


Pola tarde, ás 17.30h presentarase neste espazo a novela gráfica Zeca Afonso. A Balada do Desterro, da ilustradora portuguesa Maria João Worm e a escritora galega Teresa Moure. A novela está editada conxuntamente por aCentral Folque e Tradisom, e mostra ao Zeca Afonso visto, décadas depois, por duas mulleres. Ambas senten fascinación por aquel home que cantaba causas políticas. Pero, entre palabras e siluetas, ambas tecen unha rede para sustentar un Zeca máis íntimo do que habitualmente os seus camaradas lembran. Porque, ás veces, os grandes nomes da Historia aparecen no momento correcto e nas circunstancias propicias para seren considerados símbolos, mesmo ao seu pesar. Porén, antes de se tornar o cantante famoso que deu voz á Revolución dos Cravos, o Zeca tamén foi un meniño que creceu en terras africanas, un home que se impregnou nas súas viaxes das cores de moitas terras. Nun concerto na Galiza, onde foi venerado, conversa coa súa amiga Begónia Moa e comeza a desvelar algúns segredos. As súas preocupacións mostran que está feito de carne humana; carne vulnerábel que palpita e dubida, que vibra ao contacto con outras peles e despois teme telas magoado, que persegue dar un sentido á vida. Tamén á morte. Esta novela gráfica de 192 páxinas a cor marca o debut da escritora Teresa Moure como guionista de banda deseñada. A autora estará en Tui presentando o libro canda a Ramón Pinheiro (aCentral Folque) e José Moças (Tradisom).