Conmoción na Igrexa: Fallece o Papa Francisco un día despois da súa mensaxe de Pascua

Mons. Antonio Valín, obispo de Tui-Vigo.
A diocese de Tui-Vigo lamenta o falecemento do Papa Francisco, agradece o seu legado e anuncia eucaristías na súa memoria.

A comunidade católica esperta hoxe cun profundo sentimento de tristeza tras anunciarse o pasamento do Papa Francisco, tan só un día despois de que a súa mensaxe Urbi et Orbi resonase nas igrexas de todo o mundo, transmitindo a alegría da Resurrección.

As súas palabras de onte, nas que destacaba como o canto do aleluia facía "chorar de ledicia ao pobo de Deus", contrastan coas bágoas de "tristeza esperanzada" que embargan hoxe aos fieis. A noticia do seu falecemento chega tras coñecerse a súa delicada saúde e o seu ingreso hospitalario, aínda que persistía a esperanza dunha pronta recuperación.

"Bendicimos a Deus polo regalo que nos fixo no papa Francisco", expresa a diocese de Tui-Vigo nun comunicado, agradecendo a súa palabra, sinxeleza e "tantos xestos fondamente evanxélicos" que achegaron aos cregos a Cristo. A diocese recoñece a súa entrega e amor á Igrexa, elevando unha oración polo seu eterno descanso.

Así mesmo, a diocese anunciou a celebración de eucaristías polo eterno descanso do Papa Francisco na Catedral de Tui e na Concatedral de Vigo, cuxas datas se comunicarán proximamente.

No seu último discurso, o Papa Francisco animou aos fieis a converterse en "peregrinos de esperanza, testemuñas da vitoria do Amor" xunto a Xesús resucitado. Unha mensaxe que hoxe cobra aínda máis forza ante a súa partida.

A diocese de Tui-Vigo conclúe a súa mensaxe pedindo acoller ao Papa "no teu amor e tenrura, que brille para el a luz eterna".