Conde subliña que Mos ao ser concello emprendedor conta con 300 mil euros da Xunta
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria,
Francisco Conde, participou hoxe, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia
Arévalo, na presentación do novo viveiro industrial de Mos, na que cooperan o
Concello e a Asociación de empresarios de Mos (AEMOS) co apoio da Xunta, e que,
cun investimento de preto de 300.000 euros, permitirá ofrecer novos servizos a
emprendedores e empresas. Conde destacou hoxe a colaboración público-privada
para facer do novo viveiro industrial de Mos un motor da economía local.
Na súa intervención, Conde salientou o labor que
desenvolve Aemos, e destacou que Mos forma parte dos Concellos Emprendedores,
un distintivo co que contan un total de 131 municipios de toda Galicia, 20
deles na provincia de Pontevedra. Estes concellos benefícianse das vantaxes de
formar parte desta iniciativa que busca facilitar o investimento empresarial,
entre as que se inclúen máis simplificación administrativa á hora de poñer en
marcha un novo negocio; máis facilidades de acceso ao solo industrial e máis
incentivos fiscais para o seu tecido empresarial.
O feito de que Mos sexa Concello Emprendedor
facilitou que Mos puidese acceder aos fondos destinados á posta en marcha de
viveiros industriais, e serviu, tal e como apuntou Francisco Conde, para
propiciar que a planta de Benteler se instalase na localidade, cun investimento
de 20 millóns de euros e xerando 175 novos postos de traballo.
A Xunta mantén o seu compromiso coa mellora das
infraestruturas e os servizos dos parques empresariais galegos e esta mesma
semana publicará no Diario Oficial de Galicia tres convocatorias de axudas cun
orzamento global de 7,9M€ cos que se agarda mobilizar preto de 10M€ e apoiar
unha trintena de iniciativas. A principal novidade é a oferta dunha nova liña
de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica
(ampliación de potencia da subministración eléctrica) á que se destinarán 4,4M€
entre 2020 e 2021. Ademais, a Xunta volverá convocar as axudas destinadas á mellora
das infraestruturas dos parques industriais cun orzamento de 2,5M€, e o programa
para financiar a creación de viveiros industriais, no que se investirá un
millón de euros.