Concurso de Poemas Ilustrados Rosalía de Castro para o alumnado de 5º e 6º de primaria ponteareán
O Concello de Ponteareas convoca a IV edición do Concurso de Poemas Ilustrados para Rosalía de Castro dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros de ensino do municipio. Con este premio, a concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba “quere potenciar a creatividade e o coñecemento da obra da poeta entre os pequenos e pequenas do concello”.
Os rapaces e rapazas que queiran participar deberán ilustrar poemas de Rosalía de Castro coas técnicas de debuxo que prefiran: collage, acuarela ou similares. Presentarán o resultado final nunha cartolina de tamaño A4 que deberá ir acompañada dun sobre facilitado polo Departamento de Cultura. Dentro deste, inclúese unha ficha na que se fará constar o nome e apelidos da alumna ou alumno, título da obra, nome e apelido do/da pai/ nai/ titor/a legal e teléfono de contacto. Os traballo serán asinados cun pseudónimo.
O persoal do Departamento de Cultura ou da Biblioteca Municipal recollerá as obras nos centros de ensino o vindeiro luns 21 de febreiro.
Os debuxos que acaden os catro primeiros premios ocuparán as páxinas principais do calendario escolar que cada ano edita o Concello de Ponteareas. Ademais, cada mes ira acompañado do debuxo dun ou dunha alumna “para dar visibilidade ao esforzo e arte dos nenos e nenas do noso concello”.