Catro estreas na Semana do Teatro Amador tudense
Os grupos de teatro San Fins de Rebordáns, Aloia de Pazos de Reis, Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, e Chirlomirlo de Randufe serán este ano os protagonistas da XII Semana do Teatro Amador que se vai celebrar do martes 19 ao venres 22 de abril no Teatro Municipal de Tui.
Tras dous anos do parón, debido á pandemia, este ano volve esta actividade que pon en valor o traballo dos grupos de teatro afeccionado que hai no municipio e faino con catro estreas. As entradas poden mercarse xa en www.tui.gal ao prezo de 2€, tamén cada xornada ás 20 h no despacho de billetes, poranse á venda 100 entradas para a función do día.
Esta mañá na presentación desta actividade o alcalde, Enrique Cabaleiro, amosouse “inmensamente feliz por poder volver presentar esta Semana de Teatro Amador” destacando coma esta proposta de teatro amador forma parte da axenda cultural tudense e é “unha icona da programación das propias festas, que dificilmente se entenderían sen este elemento, que é un expoñente da nosa cultura, da cultura que se fai no rural, e que ten moitísimo valor non so no ámbito cultural senón tamén no social”.
Enrique Cabaleiro transmitiu ao grupos participantes “a gratitude desta institución porque se noutras circunstancias é difícil facer teatro, e facer cultura no mundo rural, o é moito máis nestes momentos”. Engadía que é “moi meritorio que despois de dous anos tremendamente complicados tiverades a valentía de sacar adiante unha obra, e trasladala agora para que todos poidamos disfrutar dela”. E conclúa indicando que esta é “unha magnífica oportunidade para achegarse ao teatro”.
Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicaba que “é un pracer volver a ter ao teatro amador dentro das festas de San Telmo” xa que a programación non se entendería sen este evento que representan tanto estes festexos como “as orquestras, as bandas de música e a nosa cultura e a nosa tradición”, recoñecemento “inmenso traballo que fan estes centros culturais”. Engadía que “para nós é un orgullo nas nosas festas telos no Teatro Municipal e que poidamos disfrutar desa aficción inmensa que teñen polo teatro”
Na presentación participaban Juana Dávila e Conchi Pereira do grupos de teatro San Fins de Rebordáns; Yeray Vergara e Secundino Domíguez de Aloia de Pazos de Reis; Maximino Fernández e Miguez Pérez de Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui; e Carlos Alfaya e Alberto Sánchez de Chirlomirlo de Randufe.
Os encargados de abrir esta programación teatral, o martes 19 ás 21 h, serán os integrantes do grupo de teatro San Fins da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns coa estrea de 'Milagre no convento de Santa María Juana' de Jean Pierre Martínez. Baixo a dirección de Laura Villaverde dez actores e actrices porán en escena esta comedia que transcorre “nun convento orixinal” no que “ocorren cousas raras e divertidas” coma explicaban hoxe.
O mércores 20, tamén ás 21 h, será a quenda do grupo de teatro Aloia da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis que estreará 'Spot', unha comedia que recolle unha serie de sketches cómicos e satíricos sobre a influencia da publicidade nas nosas vidas. Once actores e actrices dan a vida a esta obra de Carles Alberola e Roberto García dirixida por Bego Míguez.
'As vacacións da duquesa”' é o título da obra que estreará o xoves 21, ás 21 h, o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui. O elenco, dirixido por Miguel Ángel Pérez Blanco está formado por oito persoas. Este sainete escrito por Raimundo Francés comeza cando a duquesa plantexa a súa familia onde ir de vacacións, e os problemas que xorden xa que non ten cartos.
Os encargados de pechar esta XII Semana de Teatro Afeccionado será o grupo de teatro Chrilomirlo da Asociación Cultural Xuntanza o venres, 22 de abril, ás 21 h. Baixo a dirección de Areta Bolado van estrear 'O enfermo imaxinario' de Moliere. Doces actores e actrices darán vida a esta comedia “levada ao noso terreo” coma indicaban esta mañá dende o grupo de teatro Chirlomirlo que destacaban coma levan 65 anos facendo teatro en Randufe.
Todos os grupos presentes recoñecían as dificultades derivadas da pandemia para seguir coa actividade do grupo de teatro e poder montar as obras que agora estrearan con toda ilusión.