Carlos Blanco, pregoeiro das festas de San Telmo
O actor galego Carlos Blanco será o pregoeiro das festas de San Telmo 2023 en Tui. O actor, natural de Vilagarcía de Arousa, é coñecido pola súa destacada carreira no cinema, a televisión e o teatro. A súa carreira foi recoñecida tanto a nivel nacional como internacional.
O pregón das festas de San Telmo 2023 será lido por Carlos Branco o sábado 8 de abril ás 12:45 h na praza da Inmaculada.
Carlos Blanco é polifacético: presentador, monologuista, actor… Conduciu programas da TVG coma ‘A Reoca’ ou ‘Somos unha potenzia’, o seu papel coma Ladislao en ‘Mareas Vivas’ supuxo o lanzamento na súa carreira. Dende entón ten participado en películas coma El lápiz del carpintero (2003), Heroína (2005), Cargo (2006), Volver (2006), o La playa de los ahogados (2015), entre moitas outras. Actuou en series coma Fariña o La Unidad, así coma serie portuguesa Santiago, e na segunda temporada de Rapa. Ten representado multitude de obras teatrais, está en xira con “Tercer cuerpo” de Claudio Tolcachir. Arestora traballa na posta en escena de Síbaris, a única obra teatral escrita por Domingo Vilar, que, dirixido polo seu fillo Lois Blanco , ten previsto levar aos escenarios no outono.
Na súa carreira ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Premio Rebulir da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas, o Premio Mestre Mateo, o Premio da Unión de Actores. Ademais, é un recoñecido activista social, comprometido con diversas causas.
O Concello de Tui convida á cidadanía e visitantes a gozar do pregón das festas de San Telmo 2023, no que Carlos Branco dará inicio ás celebracións coas súas palabras. A cidade de Tui prepárase para vivir unhas festas cheas de alegría, música, baile e tradición entre o 8 e o 17 de abril, e a presenza de Carlos Branco como pregoeiro será, sen dúbida, un dos momentos destacados.
Proximamente darase a coñecer o programa completo das festas que se poderá consultar tanto na web municipal tui.gal, na APP Concello de Tui, e nas redes sociais.