O cancro pon en marcha a solidariedade mosense
O Concello de Mos organizou hoxe coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro en Mos, a III Andaina Solidaria 'En Marcha Contra o Cancro'. A participación é moi satisfactoria contando con 350 inscritos e 250 asistentes pese a meteoroloxía adversa, entre os que se atopan o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a presidenta de AECC Mos, Magdalena Domínguez Castro, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, o edil de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, e o da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso.
O percorrido, que ten unha dificultade fácil e é apto para toda a familia, comezou ás 10.00 horas con saída desde o Castro de Herville, Cela. Son en total 7 quilómetros de percorrido.
O prezo da inscrición son 5 euros, que inclúe a entrega do dorsal e unha bolsa con avituallamento. Todo o recadado neste evento destinarase a seguir financiando tódolos programas e servizos que a Asociación ofrece, de maneira gratuíta, ós pacientes de cancro e as súas familias; e entre os que se atopan, a atención psicolóxica e social, préstamo de material ortoprotésico (camas, andadores, perrucas, cadeiras de rodas, etc), campañas de prevención, acompañamentos en hospitais e domicilios e programas de investigación en cancro.
ACTIVIDADE
A Sede Local de Mos retomará a partir do próximo mes de maio a súa atención ao público nun local cedido polo Concello en San Rafael, Camiño de Campo de Eiró, 100, os mércores de 10.00 a 12.30 horas. Ademais de dar información sobre os servizos gratuítos de apoio e acompañamento que ofrece a Asociación a pacientes oncolóxicos/as e aos seus familiares, para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas en contactar coa Asociación tamén poderán facelo no 900 100 036 (as 24 horas, os 365 días do ano de maneira gratuíta).
A Asociación Española Contra o Cancro en Mos realizou durante o pasado ano 2021 un total de 181 intervencións, desglosadas da seguinte maneira:
- 120 intervencións de atención a pacientes en final de vida e aos seus familiares
- 32 de atención psicolóxica.
- 26 da área de Traballo Social (información/orientación, préstamo de material ortoprotésico como camas, andadores, perrucas, etc, inserción laboral, alimentos, axudas económicas).
- 3 actuacións do equipo de voluntariado.