Campionato Autonómico Sub11 de bádminton
O Pavillón do IES San Paio de Tui é a sede elixida pola Federación Galega de Bádminton para celebrar este sábado o Campionato Autonómico Sub11 de bádminton. A competición comezará ás 10 h e tendo en conta o número de inscricións, algo máis de 40 deportistas, poderá prolongarse até ás 20 h.
A competición foi presentada este mediodía na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o presidente da Federación Galega de Bádminton, Rodrigo Sanjurjo, e a presidenta e o secretario do Club Bádminton Tui, Marisa Giraldez e Javier Argüelles.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosaba a gratitude do concello e da cidade á Federación Galega de Bádminton por ter elixido Tui para a celebración deste campionato Sub11, cando se cumpre o 50 aniversario do bádminton galego, un deporte onde “Tui xoga un papel destacado”. Lembraba os numerosos equipamento deportivos que ten o municipio que “supoñen un esforzo inversor en canto a acondicionamento e coidado dos mesmos”, e destacaba o rexedor tudense que desde o ano 2019 realizouse “un investimento de máis dun millón de euros nos nosos equipamentos deportivos”.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agradecía o labor e o esforzo do Badminton Tui por dar continuidade ao deporte base na cidade neste ano tan complicado. Amosaba o compromiso do concello co deporte “aumentando as subvencións dirixidas aos equipos deportivos coma este de bádminton”.
Rodrígo Sanjurjo, o presidente da Federación Galega de Bádminton, explicaba que “Tui é un piar fundamental para este deporte en Galicia e o seu club é o que máis e mellor creceu nos últimos cinco anos no bádminton galego, o máis importante de España, non só polo deportivo senón tamén polos valores que se transmiten no club tudense”. Destacou tamén o próximo curso de monitor de bádminton que se vai impartir proximamente en Tui.
Pola súa banda, a presidenta e o secretario do Club Bádminton Tui, Marisa Giráldez e Javier Argüelles, expresaron o seu agradecemento polo compromiso dos implicados na organización do campionato, tamén a federación e o Concello de Tui polo seu soporte.
Na competición participarán un total de 40 nenas e nenos menores de 11 anos que xogarán nas categorías feminina e masculina, e en dobres feminino, masculino e mixto. Por parte do Club Bádminton Tui participarán 5 cativos que a semana seguinte competirán no Campionato de España en Santander na mesma categoría. “Todo un fito para un club tan humilde, moi centrado no deporte base” sinalaba o secretario do club.
O público non poderá asistir ao evento xa que os deportistas e técnicos completa o aforo máximo permitido na grada.