A Banda de Música Unión Musical de Tenorio de Cercedo-Cotobade participa no Festival de Bandas de Música
Mañá venres, 18 de agosto, celébrase o XXVIII Festival de Bandas de Música no que participarán a Banda de Música Popular de Tui e a Banda de Música Unión Musical de Tenorio de Cercedo-Cotobade. O evento estaba inicialmente previsto na praza de San Fernando, pero debido á previsión de choiva foi trasladado á igrexa de San Domingos.
A partir das 21 h o público poderá gozar co concerto destas dúas agrupacións populares que ofrecerán un variado repertorio no que non faltarán pezas clásicas de bandas de música, pero tamén novos temas que de seguro conquistarán ao público.
A Banda de Música Popular de Tui, dirixida por Eloy Carrera, conta cunha ampla traxectoria que comezou a finais do século XIX. Tras múltiples vicisitudes a banda conta cunha actividade estable dende os anos 80. Son numerosos os concertos que ten ofrecido en Galicia, Portugal e noutros puntos de España. Hai uns días a banda tudense participou no festival de bandas de música de Jumilla convidados pola agrupación dese municipio, e este luns actuaron na praza das Praterías en Santiago dentro do programa Música no Camiño. As festas e romarías son tamén cita habitual da Popular de Tui e nos últimos días participaron nas festas da Virxe do Camiño e de San Roque en Tui.
A banda convidada, a Unión Musical de Tenorio, chega dende Cercedo-Cotobade baixo a dirección Cláudio Clemente Valente Dos Santos Leite. Esta agrupación naceu en 1985 denominándose daquela “Banda Xuvenil 85 de Tenorio”, e foi en 1999 cando recibiría o actual nome. Teñen actuado tamén por toda Galicia, na Semana Santa de Zamora ou nas Fallas de Valencia. Con motivo do seu 35º aniversario gravaron o seu primeiro traballo discográfico.
Mañá venres ambas agrupacións serán as responsables do Festival de Bandas de Música que conta con gran tradición na cidade e cada ano conta co aplauso do público.