Axentes da Policía Local de Mos e da Garda Civil interveñen 11.000 luvas, 124,5 litros de alcohol sanitario e 510 mascarillas
A Policía Local de Mos conxuntamente
coa Garda Civil veñen de realizar dúas actuacións en empresas que se adicaban
ao almacenamento, venda e distribución de material sanitario relativo á
presente crise do COVID-19 sen respectar a orde SND/233/220 do Ministerio de
Sanidade que establece que as persoas xurídicas, nacionais ou estranxeiras
ubicadas no territorio nacional, que teñan como actividade a fabricación e/ou
importación de determinados produtos sanitarios, así como capacidade de
desenvolvemento dalgún deles: mascarillas, kits de diagnóstico, hisopos, gafas
de protección, luvas, batas defeitables, solución hidroalcohólica, dispositivos
de ventilación mecánica, funxibles ou consumibles de equipos de VMI, alcoholes
sanitarios e clorhexidina, teñen obriga de dar cumprimento á remisión de
información sobre os mesmos mediante a cumprimentación dun modelo facilitado na
sede electrónica do Ministerio de Sanidade nun prazo de dous días naturais a
contar desde o 15 de marzo, que foi cando se publicou a orde no BOE. A non
presentación da información requerida ou a falsedade da mesma ten consideración
de infracción administrativa en materia de saúde pública e pode ser sancionada
dacordo co establecido no título VI da Lei 33/2011 de 4 de outubro Xeral de
Saúde Pública.
A primeira das accións neste sentido
realizadas pola Policía Local de Mos e a Garda Civil produciuse o martes 17 de
marzo durante a quenda de mañá, concretamente entre as 10.00 horas e as 11.00
horas. Aconteceu nunha empresa do Polígono do Rebullón que contaba con diverso
material sanitario entre o que se atopaban mascarillas e solución
hidroalcohólica, dos cales debería de ter dado conta a Sanidade e non o fixera.
Os axentes da Policía Local procederon a dar aviso á Garda Civil, e
conxuntamente ámbolos dous corpos acudiron ao lugar a levantar acta.
A
segunda actuación produciuse onte mércores 18 de marzo ás 15.30 horas. Unha
patrulla da Policía Local de Mos dirixiuse a un establecemento da zona de
Puxeiros tras enterarse de que estaban a vender mascarillas. Ao chegar ao local
atopáronse con que xa non quedaba material e retiráronse, pero pouco despois
sorprenderon ao dono do establecemento descargando dun vehículo, no seu
domicilio, o material para repoñer no seu negocio, incautándoselle gran
cantidade de mascarillas, luvas e solución hidroalcohólica. En total o suxeito
transportaba no seu coche 11 caixas de 10 paquetes de 100 luvas, 8 caixas de 12
unidades de alcohol de 1 litro, 3 caixas de 15 unidades de alcohol de 0,5
litros, 1 caixa de 24 unidades de alcohol de 250 mililitros, 31 paquetes de 10
unidades de mascarillas brancas, 3 paquetes de 50 unidades de mascarillas
brancas, e 1 paquete de 50 unidades de mascarillas azuis.
En total intervíronselle 11.000
luvas, 124,5 litros de alcohol e 510 mascarillas. O material incautado foi
trasladado pola Garda Civil ás súas dependencias para posteriormente dar
coñecemento ao Ministerio de Sanidade.
Ademais a Policía Local de Mos tivo
que interpoñer xa 3 sancións por infracción ou incumprimento do Real Decreto do
Estado de Alarma en todo o territorio nacional, que impide aos cidadáns saír do
domicilio e desprazarse a pé ou en vehículos agás por motivos xustificados.