Se avistan aves en los cinco observatorios tudenses
Cinco puntos á beira do río Miño e Louro ao seu paso polo termo municipal de Tui contan dende hai uns días con observatorios de aves e sinalización informativa colocada ao abeiro do proxecto Río Miño, Destino Navegable.
En concreto os observatorios foron instalados na praia do Penedo en Caldelas, na praia de Areeiros en Guillarei, e na Veiga do Louro, mentres os puntos informativos sitúanse no Paseo Fluvial a carón do porto deportivo e xunto ao embarcadoiro en Paramos.
Foron colocados nos últimos días xunto a sinalización informativa ao abeiro do proxecto Río Miño, Destino Navegable
O investimento realizado ascende a case 7 mil euros financiados a través do proxecto Río Miño, Destino Navegable.
Esta actuación forma parte do roteiro transfronteirizo de interpretación da avifauna realizado ao abeiro deste proxecto desenvolvido xunto ao Concello de Salvaterra e as cámaras municipais de Valença e Monçao.
No deseño dos novos observatorios e sinalización deuse continuidade ao realizado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, na guía elaborada sobre as aves do Miño.
Así os paneis informativos recollen unha descrición do itinerario e un cartel interpretativo das distintas aves que se poden observar. A mesma interpretación recóllese tamén nos paneis situados nos observatorios.
Cómpre lembrar que unha das accións executadas dentro do proxecto Río Miño, Destino Navegable, para a posta en valor do corredor medio ambiental do río Miño, foi precisamente a Ruta Transfronteiriza de Observación da Avifauna, da que forman parte a sinalización de dirección e interpretación e a instalación destes observatorios de Avifauna. Unha actuación que se completa coa posta a dispor do kit do observador nas oficinas de turismo das dúas eurocidades participantes no proxecto.
Mentres na guía editada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia recóllense en imaxes os distintos tipos de aves observables na zona dende o merlo rieiro, lavanceira cinsenta, garzas, paporrubios, gaios, petos, azores, curuxas, papuxas, carrizas, picapeixes, curuxas…entre moitas outras cos seus nomes científicos, en galego, castelán e portugués. Esta publicación tamén recolle unha serie de recomendacións para realizar a observación, así coma varios mapas da ruta.