As novidades editoriais volven sair á rúa no Porriño para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura da man da federación de Librarías de Galicia.
A Feira do Libro de Galicia, que leva polas catro provincias galegas os postos de venta de exemplares xestionados polos libreiros, recala no Porriño cunha extensa programación de actividades paralelas dirixidas a todas as idades como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros, etc... que fan deste evento unha cita de alto interese cultural.
A feira abrirá as súas portas o xoves 26 e extenderase ata o domingo 29 de maio. Será no barrio de San Benito, onde porriñeses e visitantes poderán disfrutar das propostas literarias das librarías participantes: Recondo, Paz, Copi Rey, Pedreira, Uróboros e o stand da Deputación de Pontevedra.
O acto de inauguración, contará coa autora porriñesa Sandra Estévez Calvar como pregoeira. As súas verbas acompañadas pola música da Asociación cultural Lumeirada darán o pistoletazo de saída a catro días de actividades que incluirán a cinco autores locais máis: Beatriz Cabaleiro, Diego Giráldez, Andrea Martínez Baladrón, Sandra Burgos e Begoña Yglesias Porta.
“As rúas do Porriño serán un espazo de encontro e contacto ao que convidamos a todo aquel que queira compartir experiencias ao redor dos libros”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Dende o Concello seguimos dando a man cultura e en especial á literatura, impulsando esta e outras iniciativas que axuden a dinamizar a actividade do sector libreiro e fomenten o hábito da lectura”.
O horario de apertura das instalacións será de 11-14 h e de 17-21 h (o xoves só pola tarde). Cabe destacar que as librarías ofrecerán un 10 % de desconto en todos os libros.