As axudas ARI do casco histórico van ampliar o prazo que rematou o 19
O Concello de Tui
vai ampliar o prazo para solicitar as axudas da ARI, Área de Rehabilitación
Integral do Conxunto Histórico, que rematou inicialmente este martes, 19 de
maio. Tendo en conta a declaración do estado de alarma dende o Concello decidiuse
ampliar este prazo, un proceso que está agora en tramitación administrativa, co
obxectivo de que poida ser maior o número de persoas propietarias de inmobles nesta
zona da cidade as que se poidan beneficiar destas axudas.
Nuns días darase a coñecer o novo prazo para a presentación de solicitudes, pero mentres tanto as persoas interesadas poden ampliar información e realizar as súas consultar no correo ari@tui.gal e os martes de 9 a 14 h no teléfono 986 60 362 5 ext 34. Tamén se pode ampliar a información e descargar os impresos de solicitude en www.tui.gal/gl/axudas-na-ari.
Esta axudas están
reguladas polo Plan Estatal de Vivenda a través do convenio asinado entre o
Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
As actuacións subvencionables
son as de mellora da eficiencia enerxética e sostenibilidade das vivendas
unifamiliares e de tipoloxía residencial colectiva, incluídas as que se fagan
no interior das súas vivendas (mellora envolvente térmica, novas instalacións...).
Tamén se poden beneficiar das actuacións de conservación en xeral e de mellora
da seguridade de uso e da accesibilidade. (instalación de ascensor,
salvaescaleiras, ramplas, baños accesibles...). Tamén se poden beneficiar
destas achegas a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención
nas vivendas unifamiliares e nos edificios, incluso no interior das vivendas,
instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns.