As alfombras florais ponteareáns de Corpus van ser recreadas virtualmente
O Concello de Ponteareas informa que este ano non se confeccionarán as tradicionais alfombras florais de Corpus dadas as circunstancias actuais provocadas pola pandemia do COVID-19, pero adianta que se realizarán diferentes actividades de divulgación desta tradición de dous séculos de antigüidade a través das redes sociais e dos medios de comunicación.
O
alcalde Xosé Represas explica que a celebración das festas do Corpus Christi e
das súas alfombras florais será unha recreación virtual e as novas tecnoloxías
e canles de comunicación serán a ferramenta para continuar co legado herdado
dos e das nosas maiores. “Un xeito tamén de rendir homenaxe as e os
alfombristas portadores desta tradición que lograron que Ponteareas sexa uha
referencia mundial en Patrimonio Inmaterial”.
Nunha
reunión mantida cos e coas representantes dos e das alfombristas e cos
portavoces de tódolos grupos da Corporación acordouse realizar unha campaña de
difusión do Corpus Christi ponteareán utilizando as redes sociais para
continuar coa difusión desta seña de identidade e chegar a tódolos rincóns do
mundo con imaxes, documentos e vídeos que deixen constancia da riqueza da nosa
arte efémera. “As nosas festas non pasarán desapercibidas, prolongaremos a
tradición e será tamén o primeiro acto de promoción do Corpus 2021”
Os
e as presentes na reunión foron unánimes na decisión de que tódolos tramos
alfombristas volverán ser protagonistas na fin de semana de Corpus, dun xeito
diferente que será definido ao longo destas semanas.
O
alcalde de Ponteareas adianta que o Concello asumirá íntegramente a edición
dunha publicación que non será igual á tradicional revista Pregón pero que
recollerá e promoverá esta fonda tradición cun enfoque distinto adaptado ás
novas circunstancias.
“Volveremos
ter unha reunión quince días antes de Corpus para avaliar todas as
posibilidades de difusión da festa e coñecer tamén as previsións da crise
sanitaria. De momento seguiremos traballando para deseñar unha programación virtual
que será consensuada coas persoas que fan posible o Corpus de Ponteareas”.