Analizar a dinámica histórica dos montes veciñais en man común do concello de Ponteareas válelle o premio Bouza Brei a Copena Rodríguez

O doutor en Economía e profesor da Universidade de Oviedo, Damián Copena Rodríguez, resultou gañador do VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey 2020.

O doutor en Economía e profesor da Universidade de Oviedo, Damián Copena Rodríguez, resultou gañador do VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey 2020 polo seu proxecto de investigación titulado  “Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas”.

Os obxectivos deste traballo, dotado polo Concello de Ponteareas con 3.000 €, son caracterizar e analizar a dinámica histórica dos montes veciñais en man común do concello de Ponteareas, identificar e caracterizar as institucións de manexo comunitario dos recursos naturais que a partir da acción colectiva xestionan o monte e divulgar o traballo das entidades de manexo comunitario dos recursos naturais que a partir da acción colectiva xestionan o monte veciñal no concello de Ponteareas.

Ademais, o traballo do doutor Damián Copena, nado en Ribadetea, analiza o grao de cumprimento dos principios da premio nobel Elinor Ostrom (ver debaixo) por parte das institucións de manexo comunitario dos recursos naturais que a partir da acción colectiva xestionan o monte veciñal en man común existentes no municipio ponteareán.

O xurado salientou os obxectivos realistas deste proxecto, a súa gran profundidade científica, a importancia da economía ecolóxica e a posta en valor dos baldíos de Ponteareas.

“A importancia dos premios Fermín Bouza Brey é, precisamente, visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e mesmo aplicábeis á mellora do noso día a día, tal e como acontece neste caso, en que o doutor e profesor Damián Copena profundiza no destacado papel das comunidades de montes e do ben común que manexan” subliña Fernando Groba.

PRINCIPIOS OSTROM

1- Límites definidos con claridade que determinen quen ten acceso ao procomún e quen non.

2- Regras que limiten o tempo, o lugar, as tecnoloxías e a cantidade de recursos que se poden utilizar así como a cantidade de traballo material e cartos que se deben dedicar ao procomún.

3- Garantir que os membros determinen democráticamente as regras e as súas modificacións no tempo.

4- Garantir que quen supervise as actividades que se desenvolvan no procomún sexan membros do mesmo ou alguén que resposte ante eles.

5- Sancións proporcionadas impostas polos outros membros coa fin de evitar castigos excesivos que poidan agriar a súa participación futura e xerar malestar na comunidade.

6- Establecer medios para acceder con rapidez a unha mediación privada.

7- Que as autoridades públicas reconozan e aproben a lexitimidade de las regras fixadas polo  procomún.