Os alumnos ponteareáns formaranse en comunicación por medio do ciclo de conferencias da Semana das Ciencias

O ciclo de conferencias da Semana das Ciencias traerá a Ponteareas a coñecidas xornalistas, locutoras e expertas en comunicación, redes sociais e deseño.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, presentou ao alumnado de Ensinanza  Secundaria para Adultos (ESA) o ciclo de conferencias da VII Semana das Ciencias. No Instituto Val do Tea de Ponteareas a rexedora convidou a todo o alumnado a participar nas conferencias que este ano xirarán arredor de ciencia e comunicación, afondando en como a tecnoloxía mudou o mundo do xornalismo, das artes gráficas, da ilustración e do deseño.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, presentou ao alumnado de Ensinanza  Secundaria para Adultos (ESA) o ciclo de conferencias da VII Semana das Ciencias. No Instituto Val do Tea de Ponteareas a rexedora convidou a todo o alumnado a participar nas conferencias que este ano xirarán arredor de ciencia e comunicación, afondando en como a tecnoloxía mudou o mundo do xornalismo, das artes gráficas, da ilustración e do deseño.

O luns 17 a responsable da vicerreitoría de Comunicación e Relacións Públicas da Universidade de Vigo, a doutora Mónica Valderrama, mergullarase no mundo das redes sociais, nas súas fortalezas, nas mellores ferramentas e na importancia dunha boa xestión para situarse no mercado, pero tamén advertirá dos erros e riscos máis frecuentes.

O profesor e divulgador Mingos Teixeira trasladará ao público participante ao mundo da Ciencia e da Arte o martes 18. Galardoado co 1º Premio “Alliance Française”, 1º Premio Internacional “Baixo Miño”, 2º Premio “Fundación Villabrille” ou co 1º Accesit “Carnaval Vigo”, Mingos Teixeira expón a súa obra en museos como os de Belas Artes da Coruña e Santander, o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo Quiñones de León de Vigo, o Museo Municipal de Ourense ou o Museo Provincial de Lugo. Compaxinou o seu traballo artístico cun intenso labor académico e divulgador en relación coa arte e a creatividade, en artigos en diferentes publicacións, explorando a crítica artística e o comisariado de exposicións.

O mércores 19 o auditorio recibirá ao xornalista que foi quen de deixar a súa pegada día tras día coas súas crónicas e noticias ao longo de máis de corenta e cinco anos, Fernando Franco. O escritor, investigador e comunicador participará na mesa redonda “O xornalismo, do pasado ao presente” xunto á escritora e comunicadora, María Xosé Porteiro. Ao seu carón estará a xornalista deportiva Paula Montes para achegarnos unha ollada profesional e feminina ao mundo do deporte. Franco, Porteiro e Montes relatarán anécdotas e rememorarán os mellores momentos da profesión xunto ao público participante.

O xoves día 20 a sala multiúsos do auditorio municipal será testemuño doutro xeito de vivir a comunicación. Coas produtoras de Illa Bufarda o público vivirá novas experiencias comunicativas da man das webseries, dos podcast e das canles de YouTube.

PARTICIPAR TEN PREMIO

O alumnado dos centros educativos de Ponteareas que asistan ás catro conferencias participarán no sorteo dun patinete eléctrico que se celebrará en directo no programa que Ponte Nas Ondas emitirá dende a Praza Bugallal no marco da Feira das Ciencias o vindeiro venres 21.

Todas as conferencias serán ás 19:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e as persoas que desexen asistir deberán reservar butaca no mail educacion@ponteareas.gal ou no número de teléfono 986 64 00 00, departamento de Ensino.

A Semana das Ciencias de Ponteareas complétase con visitas a empresas locais de deseño e artes gráficas, con visitas ao Museo do Reloxo, cun taller de edición de son, co Museo da Radio, co seminario para profesorado, co xogo das 7 Torres de Xabier Prado e cos obradoiros para alumnado.

Ademais, como cada ano, a Feira das Ciencias pechará o programa de actividades na Praza Bugallal. Ducias de postos exhibirán os coñecementos e experimentos científicos froito da aprendizaxe e traballo de alumnado e profesorado.

Espertar a curiosidade, decatarse da importancia de investir en innovación e investigación para mellorar o noso día a día e descubrir que a ciencia está detrás de cada unha desas melloras son algúns dos obxectivos da Semana das Ciencias de Ponteareas que este ano volve ás rúas e aos centros educativos do 17 ao 21 de abril.

“A Semana das Ciencias  ofrece cada ano un espazo no que visibilizar todo o traballo que realizan os centros educativos de Ponteareas sendo eles e elas os e as protagonistas. Ademais facilita que o alumnado viva experiencias de aplicación da ciencia á realidade que dentro das aulas non se poden desenvolver. É un apoio didáctico, tamén, para as e os docentes”, sinala Cristina Fernández.