A rehabilitación dun edificio no casco vello vigués trae de cabeza aos os veciños polas voaduras, o lixo no ambiente e a inseguridade
Os veciños residentes no Casco Vello de Vigo denunciaron
a situación que están a vivir dende hai meses neste edificio en rehabilitación situado
nas rúas Laxe, Oliva, Baixada a Fonte e Xuanelo. Trátase dun solar de grandes dimensións
de 824 metros cadrados. Leva executándose desde o mes de xuño de 2017 e tiña un
prazo de 24 meses. Desde outubro de 2019, a obra comezou a ser molesta polas
perforacións, molestias acústicas e lixo ambiental.
A denuncia veciñal presentouse no concello de Vigo o 28 de abril, despois de que a situación dos últimos meses desbordase a paciencia dos veciños nas últimas semanas de confinamento e a experiencia de que as autoridades non interveñen a obra.
Na denuncia
solicitan que se facilite un estudo xeolóxico e xeotécnico previo; que a execución da obra sexa diariamente
supervisada e avalada por un estudo de enxeñería dunha empresa
independente; que a obra sexa
supervisada acotío polo enxeñeiro
municipal; e a medición dos ruídos e vibracións por parte dunha empresa homologada
e independente.
Os veciños aseguran que están a sufrir unha serie de prexuízos
e séntense afectados na súa saúde física e anímica. “Dende o comezo desta
rehabilitación -relata unha veciña- pasamos
por molestias como nubes de po por toda a zona que o deixaban todo baixo unha
tremenda capa de terra que se convertía en lixo, e que se che metía nos ollos ao moverte pola rúa.
Contaminación acústica con ruídos a uns niveis inaceptables, varias máquinas
traballando á vez sumando ruído: mentres
unha perfora, outras pas moven terra e pedras, dende primeira hora da mañá. Días enteiros sen parar durante toda a
xornada laboral picando. Vibracións que sobre todo aos veciños dos arredores
lles afectaban en gran medida ata o punto de caer obxectos ao chan de encima de
mobles, moverse os cadros da parede, tremer os pratos dentro do moble da
cociña...”, e outras incomodidades.
Dende que os veciños puxeron a denuncia, nestas últimas semanas,
“o ruído está a uns niveis máis
aceptables e as vibracións non están sendo tantas como antes, pero seguimos
preocupados”, sinala esta veciña.
“Onte unha imprudencia e irresponsabilidade na obra –continúa
o relato unha veciña- deixounos aínda máis preocupados pola nosa seguridade.
Contra ás 12.45 aproximadamente, caeu da grúa unha carga de pezas metálicas, con
partes de ferros de aceiro, en plena rúa, na zona habilitada para o paso de
peóns en rúa Oliva, entre o edificio que están a rehabilitar e a sede de Illas
Atlánticas, e nin sequera tiñan pechado o paso para impedir a circulación
peonil como precaución, nin persoal de obra vixiando o paso. Non había ninguén como se xustificaron os
traballadores á policía local cando a chamamos.
Púidolle pasar algo moi grave a calquera peón, a poucos metros. Mentres,
na praza da Colexiata, escoitábanse
nenos xogando. Este martes, despois do sucedido onte, vimos de novo a mesma
manobra coa grúa”, relata a veciña.
Onte, día 12, empezaron coas micro voaduras. Os responsables da obra anunciaran o que ían comezar a facer nas próximas semanas, quizás pola presentación agora da denuncia. “Dixeron que ían ser máis silenciosas e menos molestas, que non sentiriamos tanto as vibracións e que, como imos estar previdos por unhas sirenas que soan antes de cada voadura, dixéronnos que o “levariamos mellor”. “Vaia xustificación máis tranquilizadora!”, ironiza a veciña do casco histórico de Vigo.
Os residentes na rúa Oliva, aínda non estando en primeira
liña de obra, porque hai outro edificio entre as obras e os inmobles, están
aínda máis asustados coas voaduras. “Estanse
a sentir máis ca nunca as vibracións, este método si que está a mover as
paredes e o chan das casas moito máis do que o facía antes a perforadora tan
molesta coa que traballaban”.
Os veciños e veciñas séntense desprotexidos como cidadáns. Non ven que as autoridades estean a velar pola nosa seguridade e saúde pública. “A min esta obra estame afectando e ninguén se poreocupa de verdade por nós. Cando chamamos á policía local durante o confinamento, había veciños que soportaban vibracións esaxeradas e o ruído era insoportable en todos os arredores. Xúntase isto coas horas de confinamento que temos que pasar dentro da casa con estas constantes molestias que xeran estrés, dores de cabeza, ataques de ansiedade, imposible concentrarse para persoas que tiñan que tele traballar dende casa con ese ruído, estudantes de universidades que non podían concentrarse para os seus exames on line. Chegou a ser imposible estar tranquilo para ningunha actividade en casa... a policía local o único que nos dicía era que eles non podían facer nada, que “a obra ten todos os permisos”, testemuña a veciña.
Para os veciños sorprende, aínda máis, como teñen permiso
para facer ata 4 sotos en pleno casco vello, nunha parcela onde apareceron
tumbas escarvadas en rocha. Pregúntanse tamén como se permite que eses restos
arqueolóxicos se destrúan e se siga adiante cunha obra que só obedece a intereses económicos e
empresariais, sen respectar o patrimonio da sociedade.
A veciñanza non se opón á rehabilitación dese edificio, pero respectando
a súa natureza e os restos que se atoparon, sen facer eses sotos e sen someter os
veciños da zona a tantos prexuízos. Aínda suxiren que se podía facer unha sala museo de visita ás tumbas e
seguir adiante coa rehabilitación do edificio sen eses sotos.