A mocidade pontereán ensaia o seu dereito a participar nun pleno municipal
O
salón de plenos do concello de Ponteareas foi testemuña do pleno da infancia e
adolescencia no que participaron nove centros educativos locais: o CEIP
Feliciano Barrera, o CEIP de Santiago de Oliveira, o CPR Santiago Apóstol, o
CPR A Inmaculada, o CEIP Mestre Ramiro Sabell, o CEIP Fermín Bouza Brey, o IES
Val do Tea, o IES Barral e o IES Pedra da Auga.
Presidido pola concelleira de Ensino e tenenta de alcalde, Cristina
Fernández, acompañada do concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, e da
concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, o pleno deu voz e voto as
representantes das escolas e institutos para expor e aprobar asuntos
relacionados coas súas principais preocupacións e necesidades.
Cada centro escolar achegou a súa valoración con motivo do 30
aniversario da convención sobre os Dereitos dos Nenos e das Nenas coincidindo
todos e todas na importancia deste fito pero tamén incidindo na necesidade de
que se aplique e se faga real.
No segundo punto, o alumnado expuxo os temas que máis lle preocupan
relacionados directamente coa xestión diaria do concello de Ponteareas e que
lles afectan directamente: locais específicos para a mocidade, o medio
ambiente, as bolsas para comedor, zonas de lecer cubertas, desprazamentos en
bicicleta e cuestións sociais como a accesibilidade ou as familias que precisan
axuda foron algúns dos temas centrais nos que a mocidade e a infancia quere
traballar co goberno local.
Nesta sesión plenaria tamén houbo ocasión de reflexionar sobre a
importancia da recente aprobación do consello municipal de infancia e
adolescencia como órgano estable de carácter consultivo e informativo.
Cristina Fernández explica que a celebración deste pleno é un dos
primeiros pasos e prácticas que amosan o compromiso do goberno de darlles voz e
amplificar as súas peticións, “que mellor xeito de que comecen a implicarse e a
deseñar o seu futuro que ocupando o salón de plenos, lugar donde se toman de
xeito oficial as principais decisións dun concello”.