A gonomareña Casa de Peralba vai ser rehabilitada

PRaza de Gondomar. ARQUIVO.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede unha axuda de 300.000 euros ao Concello de Gondomar do programa Fondo de Cooperación, para adquirir a Casa Peralba co fin de rehabilitala.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira González, veñen de asinar telematicamente un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello dispoñer deste orzamento para financiar facerse propietario deste inmoble, unha mostra interesante da arquitectura civil da vila, construída aproximadamente no ano 1919.

O conxunto está constituído por unha edificación principal destinada a vivenda principal e unha serie de construcións auxiliares e vivenda do servizo ou garda. A parcela de bastante amplitude e acondicionada, como complemento da vivenda; conserva un lavadoiro, un pombal, hórreo e franxas de terreo en socalcos con restos de columnas de pedra, para emparrados. Todo o conxunto constitúe un inmoble de gran interese para a súa posterior rehabilitación como equipamento municipal.

NOVAS SOLICITUDES

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes abriuse o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros.