A gala do Deporte de Tui recoñecerá a máis de vinte deportistas tudenses
Dende o mes de novembro o xurado da Gala do Deporte Tudense ven traballando para retomar este evento e así poder recoñecer os éxitos deportivos dos nosos clubs e deportistas. De feito, a intención era facer unha gala a finais do pasado mes de xaneiro, onde entregar os Premios Deporte Tudense dos anos 2020 e 2021, pero a incerteza a hora de poder marcar unha data de celebración xa que se descoñecía a evolución que ía ter a pandemia impediu poder organizar a gala coa suficiente antelación que garantir a realización da mesma co mesmo nivel de calidade que en anteriores edicións
Por isto, o Concello de Tui e o xurado, decidiron dar a coñecer os premios, recoñecendo publicamente aos deportistas, que serán entregados presencialmente, sempre que a situación sanitaria o permita, na Gala do Deporte do ano 2022, que se celebrará a finais do mes de novembro.
O xurado, integrado por Rosendo Bugarín, médico e deportista tudense, Enrique Míguez, padeeiro e medallista olímpico, José Manuel Quintana, directivo e responsable das escolas deportivas do Tyde F.C., Beatriz González, profesora de educación física do CEIP Nº2 de Tui, Ana Rodríguez, ex-xogadora da máxima categoría do Balonmán feminino e Rafael Estévez, concelleiro de deportes de Tui, decidiron os seguintes Premios Deporte Tudense:
- Promesa Feminina – Nieves Silva – Campioa de España de Remo Olímpico – Categoría Cadete
- Promesa Masculina – David Fernández – Campión de España de Enduro – Categoría Júnior
- Categoría Veterán – Manuel Rodríguez Caramés
- Club Deportivo – Club Balonmán Tui – Polo ascenso a Liga Ouro (división de honor) do equipo infantil masculino e feminino e do xuvenil masculino, o equipo cadete estivo a punto de subir a Liga Ouro. O equipo sénior Masculino ascendeu a 1ª División Autonómica, onde tamén está o equipo sénior feminino, que pelexou polo ascenso a División de prata.
- Adestrador – Equipo técnico do Club Balonmán Tui
- Deportista Feminina
- Tania Fernández – Subcampioa do Mundo de Maratón en K2
- Sara Tui – Subcampioa do Mundo de Fútbol Praia
- Deportista Masculino
- Gustavo Rodríguez – Medalla de Prata nos Xogos Paralímpicos en Toquio 2020.
- José Leiras – No ano 2020 xogou na Liga Asobal, máxima categoría do balonmán nacional e único xogador masculino tudense en logralo.
Como en anteriores ocasiones, na gala recoñecerase a máis de vinte deportistas tudenses que participaron nestes anos en competicións internacionais.
Así mesmo, farase un recoñecemento a aqueles deportistas, directivos o persoas relacionadas co mundo deporte que faleceron nos anos pasados.