A conserveira Hijos de Carlos Albo, a empresa Vallejo Low Cost e o Grupo Tecnológico Arbinova, as cinco primeiras parcelas adxudicadas na Plisan
O
asentamento das primeiras empresas na Plataforma Loxística e Empresarial de
Salvaterra-As Neves está xa un pouco máis cerca. A conselleira de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Economía,
Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron esta mañá en Vigo o acto de
sinatura da adxudicación de cinco parcelas na Plisan, as primeiras que se
asignan dentro desta gran área empresarial.
Dos case
69.000 metros cadrados adxudicados hoxe, preto de 63.000, correspondentes a
tres parcelas distintas, foron asignados á conserveira Hijos de Carlos Albo;
outros 3.325 metros correspondéronlle á empresa Vallejo Low Cost; e os 2.570
restantes, ao Grupo Tecnológico Arbinova. En todos os casos, a superficie foi
adxudicada en dereito de superficie, unha modalidade que lle permite aos
beneficiarios acceder a solo empresarial pagando cada ano unha pequena
cantidade e lles facilita así o financiamento do proceso de instalación e
inicio da actividade.
O dereito de
superficie concédese por un período inicial de 30 anos, aínda que pode
estenderse ata un máximo de 60 mediante sucesivas prórrogas. Durante a súa
vixencia, as empresas terán que abonar un canon anual equivalente ao 1,5 por
cento do prezo da parcela durante os dous primeiros anos, do 2,5 por cento no
terceiro e cuarto anos e do 3,5 por certo do prezo a partir da quinta
anualidade. Outra das vantaxes para as empresas que acceden a unha parcela en
dereito de superficie é que, se o desexan, tamén poden adquirir a súa
propiedade, aínda que o prezo de venda variará dependendo do momento en que se
faga a adquisición.
Coa formalización
destas adxudicacións, como lembrou a conselleira Ángeles Vázquez, dáselle un
pulo definitivo á Plisan, un proxecto empresarial estratéxico para o sur da
comunidade que continúa avanzando co fin de “facer crecer o emprego e a
industria galega” arredor da cidade de Vigo. Nesta liña, subliñou a gran
oportunidade que supón esta nova plataforma empresarial para o conxunto de
Galicia e por iso insistiu en que a Xunta seguirá traballando arreo, como fixo
ata o de agora, para que se poida iniciar canto antes o asentamento empresarial
nesta zona.
Así, lembrou
que nestes momentos a Xunta está executando na Plisan as obras de urbanización
da primeira fase da zona Loxístico Empresarial (LE), da estación depuradora de
augas residuais (EDAR) e da estación de tratamento de auga potable (ETAP) e
acaban de licitarse as obras de urbanización da segunda fase da LE, na que,
precisamente, se emprazan parte das parcelas adxudicadas.
Pola súa
banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou que a Plisan está
chamada a convertese no maior parque empresarial do noroeste peninsular, o que
permitirá garantir a competitividade do tecido empresarial galego. Así, será un
reclamo para atraer grandes proxectos empresariais xa que as adxudicacións
representan, nestes momentos, o 20% da superficie total dispoñible.
Entre as
empresas que se instalarán, puxo como exemplo a aposta de Albo -un referente na
industria conserveira, propiedade da chinesa Shangai Kaichuang- que investirá
25M€ nas súas instalacións na Plisan permitindo reforzar os lazos comerciais de
China e Galicia.
Conde tamén
se referiu á Lei de implantación empresarial, impulsada pola Xunta, que está
permitindo a chegada de novas empresas grazas ás facilidades que ofrece para
acceder ao solo empresarial, pero tamén para axilizar a tramitación e obter
bonificacións fiscais. Neste sentido, avogou pola colaboración municipal
sumándose á iniciativa dos Concellos Emprendedores.