Forum Peregrino
A Aula da UNED, no antigo Convento de San Domingos, en pleno Camiño de Santiago, acollerá o sábado 21 e o domingo 22 deste mes de maio o Forum Peregrino organizado por Iacobus Tui Baixo Miño coa colaboración do Concello de Tui.
Este evento foi presentado onte ao mediodía polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, pola concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, xunto a Juan José Sánchez, vicepresidente; Alfonso Ferreira, secretario e Jesús Carrera, vocal de Iacobus Tui -Baixo Miño.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención a importancia de eventos coma este que contribúen á valorización do Camiño, destacando que se trata dunha “ferramenta importante porque significa que van vir á nosa cidade profesionais que teñen un amplo e extenso coñecemento desta materia”. Engadía que “aínda que esteamos nun momento bo e doce tamén temos que debater sobre o momento actual e sobre cales son os desafíos e retos do futuro”.
Tras repasar as actuacións realizadas dende a institución municipal relacionadas coa vía xacobea coma a creación da Mesa do Camiño, a transformación do Cárcere Vello en Centro de Acollida de Peregrinos con fondos Next Generation, e a mellora paisaxística dun tramo do Camiño en Rebordáns cunha axuda da Xunta, Enrique Cabaleiro afirmaba que “no concello de Tui estamos aproveitando todas as ferramentas e instrumentos para que o Camiño no noso ámbito estea nas mellores condicións posibles”. E tamén facía un chamamento a estar preparados para os grandes grupos de peregrinos que se agardan nos próximos meses. Lembraba amais os positivos datos que se están a rexistrar e que sitúan a Tui coma o terceiro lugar de partida de peregrinos cara Santiago.
O alcalde amosou aos representantes de Iacobus o recoñecemento polo seu traballo "en aras da posta en valor e do que significa tamén de coñecemento e protección do que é o Camiño, e neste caso o Camiño Portugués a Santiago".
Pola súa a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, aludía á celebración destas xornadas en Tui indicando que “é o sitio ideal para que se celebren unhas conferencias sobre o Camiño de Santiago, tendo en conta que a nosa cidade é a porta do Camiño Portugués". Indicaba Sonsoles Vicente que “serán dous días de divulgación, de coñecer actividades que se realizan arredor do camiño de Santiago relacionadas coa educación e coa parte social que conleva o Camiño de Santiago"
Mentres Alfonso Ferreira, secretario de Iacobus, lembrou que “Iacobus naceu en abril de 2011 e xa nese mesmo ano montamos o primeiro forum, daquela nas localidade de Valença e Tui”. Recoñecía que “non é doado realizar esta actividade, empezamos dun xeito moi humilde, e pouco a pouco fomos acadando a altura e neste momento xa nos da vértixe, porque vainos ser imposible en sucesivos forums acadar a altura que temos neste intre". Alfonso Ferreira indicou que "este proxecto está xa consolidado, coñécese máis aló das nosas fronteiras e leva a imaxe de Tui por todos os lugares". Repasou a continuación o programa a realizar cunha serie de “poñentes de moito alto nivel”.
Destacaba que tras a apertura polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o sábado o primeiro poñente será o tudense Rafael Sánchez Bargiela, historiador e experto do Camiño e gran colaborador que falará sobre "Crónicas e relatos sobre Tui, de peregrinos polos Camiño Portugués". A continuación Javier Pitillas, de Discamino, que axuda a persoas con discapacidade a realizar o Camiño de Santiago, presentará o seu proxecto solidario “Que ninguén te diga que non podes” que foi finalista dos premios Princesa de Asturias. Tamén o sábado contarán coa presenza do profesor da Universidade de Porto, Joel Cleto, do que Alfonso Ferreira dicía que é “en Portugal é todo un referente, coido que o maior referente sobre o Camiño en Portugal” que disertará sobre "Camiños a Santiago. A importancia de camiños de paz en tempos de intolerancia”.
O sábado amais das conferencias están previstas tamén visitas guiadas aos conxuntos históricos de Tui e Valença e unha travesía en barco polo Miño. E o sábado ás 20.30 h na igrexa de San Francisco celebrarase a Misa Peregrina.
Xa o domingo a apertura da xornada correrá a cargo de Manuel López, presidente de FEGAC, Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño. A continuación Jorge Martínez Cava, presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, FEACCS, pronunciará a conferencia “Retos do asociacionismo xacobeo. Cara ao ano 2027”. O propio Alfonso Ferreira intervirá o domingo ás 11 h co título “Eu? Peregrino!”.
No Forum Peregrino o domingo ás 12.15 h Quinin Freire, mestre viaxeiro, presentará o proxecto escolar “Unha ventá aberta ao mundo” que recibiu o Premio Camiño de Santiago 2018 ao mellor proxecto educativo sobre o Camiño.
Ás 13 h o tema da conferencia será “Camiño de Santiago, anos santos e xacobeos, converxencias e diverxencias”. Será impartida polo profesor da Universidade de Santiago e xornalista experto do Camiño, Manuel Rodríguez, quen recibiu o premio Aymeric Picaud, en recoñecemento ao seu traballo de divulgación do Camiño de Santiago.
Para pechar este Forum 2022 contarase coa presenza de Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
PROGRAMA
Sábado 21
Ás 10 h Apertura e presentación do Forum Peregrino 2022 a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro
Ás 10.15 h "Crónicas e relatos sobre Tui, de peregrinos polos Camiño Portugués" por Rafael Sánchez Bargiela, historiador, experto do Camiño
Ás 11.00 h "Que ninguén te diga que non podes" por F. Javier Pitillas Torra, alma e motor de Discamino Proxecto Solidario
Ás 12.15 h "Camiños a Santiago. A importancia de camiños de paz en tempos de intolerancia” por Joel Cleto , profesor da Universidade de Porto
Ás 17.00 h Saída de Tui no tren turísticos ata Valença. Visita guiada á fortaleza de Valença. Travesía en barco polo río Miño. Visita ao conxunto histórico de Tui.
Ás 20.30 h na igrexa de San Francisco Misa Peregrina
Domingo 22
Ás 10.00 h Apertura por Manuel López, presidente de FEGAC, Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño
Ás 10.15 h “Retos do asociacionismo xacobeo. Cara ao ano 2027” por Jorge Martínez Cava, presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, FEACCS
Ás 11.00 h “Eu? Peregrino!” por Alfonso Ferreira, peregrino e estudoso do Camiño
Ás 12.15 h Presentación do proxecto escolar “Unha ventá aberta ao mundo” por Quinin Freire, mestre viaxeiro
Ás 13.00 h “Camiño de Santiago, anos santos e xacobeos, converxencias e diverxencias” por Manuel Rodríguez, xornalista experto do Camiño
Peche do Forum 2022 a cargo de Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.