Voluntariado ponteareán gardiáns de todas as medidas preventivas para evitar o contaxio e ofrecer o servizo con seguridade
A rede de voluntarias e voluntarios , durante o estado de alarma, está amosando a súa solidariedade regalando comprensión, atencións e achegando a quen máis o precisa produtos de primeira necesidade, medicinas, entretemento ou facilitando xestións con outras entidades.
Máis de 180 servizos a 86 familias e entidades foron
testemuña durante este mes do lado máis humano dos e das voluntarias de
Ponteareas, que traballaron en coordinación cos servizos sociais municipais e
co apoio das e dos voluntarios de Protección Civil Ponteareas sempre que foi
necesario.
“O seu traballo e a súa xenerosidade é vital nestes
intres nos que non podemos saír á rúa nin contar coa familia, amizades ou
veciñanza coa que antes resolviamos os nosos recados. As e os voluntarios de
Ponteareas son un orgullo para o noso concello e un exemplo de que todos e
todas xuntas sairemos desta situación temporal. Son moitas as familias que nos
trasladan os seus agradecementos polo esforzo e a entrega dos e das nosas
voluntarias”.
O servizo de axuda a persoas con necesidades básicas
durante a crise do COVID-19 axuda aos e ás máis vulnerables na compra de
alimentación, adquisición de medicamentos, retirada de lixo da vivenda, recados
de primeira necesidade ou atención psicolóxica. “Neste servizo tamén contamos
cun equipo de psicólogas, e cando detectamos que unha persoa precisa atención
psicolóxica, ademais de atenderlle a súa necesidade, unha profesional contacta
con ela para prestarlle axuda e facer un seguimento periódico da súa
situación.”
Maiores, persoas con mobilidade reducida ou patoloxías
crónicas e persoas con dependentes a cargo contan coa axuda desinteresada
destes voluntarios e voluntarias. Organizados dende a oficina municipal de voluntariado
traballan a diario e tamén ofrecen acompañamento telefónico para que este tempo
de confinamento ninguén se sinta só.
Todas as persoas que precisen axuda para satisfacer estas
necesidades básicas poderán dispoñer deste servizo chamando ao teléfono 687 764
516, de luns a venres, en horario de 10 a 14h e de 16 a 19h. As persoas
voluntarias cumpren todas as medidas preventivas para evitar o contaxio e
ofrecer o servizo con seguridade.
O concelleiro responsable da Oficina Municipal de
Voluntariado traslada tamén os seus agradecementos á asociación Ponte
Solidario, que colabora con este servizo, e indica que aquelas persoas que
queiran unirse e formar parte do voluntariado para colaborar na posta en marcha
destas accións, poderán facelo enviando un correo electrónico coa súa
disposición ao enderezo voluntariado@ponteareas.gal.