2.000 luminarias públicas de Tomiño se renovan supondo un aforro enerxético do 60%
O Concello continúa a dar pasos para transformar Tomiño en todos os eidos. O Goberno municipal xa comezou a renovación de 2.000 luminarias públicas, un proxecto de mellora da eficiencia enerxética do alumeado exterior para o que o Goberno local captou case 836.000 euros de fondos europeos e que permitirá acadar un aforro enerxético do 60% e unha importante redución na partida que cada ano o concello dedica a iluminación.
“A renovación do alumeado público é un dos numerosos proxectos que temos en marcha para dar solución a necesidades detectadas e transmitiras pola veciñanza, mellorando as instalacións públicas e avanzando de forma firme na nosa aposta pola eficiencia enerxética e por mellorar o benestar dos nosos veciños e veciñas. Porque queremos un Tomiño cada vez máis verde, sostible e xusto”, destaca a alcaldesa, Sandra González.
A través das axudas do Programa DUS 5000 no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o Concello xa está a cambiar 2.000 das 7.000 luminarias municipais por novas de tecnoloxía LED e renovará case o 25% dos cadros de mando municipais, que van ser reformados para adaptalos á nova normativa vixente. Ademais, instalarase tamén un sistema de telexestión nestes cadros que permitirá obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos.
Este proxecto de renovación do alumeado público é tan só un exemplo da capacidade de captación de fondos NextGenerationEU por parte do Goberno municipal, grazas aos que se porán en marcha diferentes iniciativas nas que a sostibilidade, a recuperación de espazos e a mellora da calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas serán os protagonistas.