20 desempregados salvaterrenses ocupados en labores do sector forestal e de xardinería
Salvaterra de Miño comezou o Obradoiro dual de Emprego para o ano 2022/2023, cunha financiación de máis de 500.000 euros. 'Salvaterra Emprega II' é unha clara aposta do grupo de goberno pola formación, que se enmarca dentro das políticas activas de emprego que está realizando o Concello, e que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización dun traballo efectivo, que xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procura a súa cualificación profesional e favorece a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
'Salvaterra Emprega II' terá unha duración prevista de 12 meses, onde se pretende formar a 20 persoas desempregadas nas especialidades formativas no ámbito Forestal e de Xardinería. Con este obradoiro o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si.