‘Só a ciencia nos salvará da pandemia’
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no webinario organizado pola Xunta de Galicia e a Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) con motivo do Mes da Ciencia en Galego ao que asistiron preto de 90 centros educativos e de 6.000 estudantes. Trátase dunha sesión destinada a alumnado de 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos da rama sanitaria de formación profesional que estivo protagonizada pola conferencia Só a ciencia nos salvará da pandemia, ofrecida pola doutora Sonia Villapol.
Durante a súa intervención, Valentín García explicoulle ao estudantado asistente que “sempre que Sonia Villapol fala de ciencia en Galicia, emprega o galego, porque é unha lingua perfectamente válida para este tipo de comunicación e para calquera outro”. Neste sentido, salientou que é “unha alegría escoitar unha experta internacional do seu nivel disertar na nosa lingua sobre un tema de tanta actualidade e interese para todos”. O secretario xeral tamén agradeceu a dispoñibilidade da investigadora, así como a colaboración dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos participantes, de Igaciencia e do CAFI.
COÑECELO PARA DOMINALO
Sonia Villapol Salgado é unha destacada bióloga galega que actualmente traballa no Centro Médico de Texas (Houston, EE.UU.) e forma parte do Equipo de Investigación Internacional da covid-19 (COV-irt.org). Nada en Bretoña (Lugo), estudou o bacharelato no instituto de Meira, licenciouse en Bioloxía Molecular pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona. Ten unha longa traxectoria investigadora en prestixiosos centros europeos e norteamericanos e adoita participar tamén en numerosas actividades de divulgación científica nos ámbitos educativo e cultural, onde dá mostras dunha especial capacidade para compartir o seu saber.
Desta volta, Villapol Salgado disertou sobre a importancia e a maneira de coñecer o coronavirus para dominalo: conceptos básicos da covid-19, como se transmite a doenza e mais cales son os seus efectos, tratamentos e vacinas.
A conferencia virtual foi seguida dun coloquio no que o alumnado formulou as súas dúbidas na plataforma habilitada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Ademais de nesta plataforma, o relatorio tamén se puido seguir en aberto a través da canle de Youtube do CAFI e nos vindeiros días, será publicada no Portal da lingua galega e no web de Igaciencia.
MES DA CIENCIA EN GALEGO
En consonancia coa UNESCO, que en 2001 declarou novembro o Mes da Ciencia, o profesorado galego celebra nestas datas o Mes da Ciencia en Galego co obxectivo de mostrar que a lingua propia de Galicia é útil e tan válida coma calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade súmase, como vén sendo habitual, a esta conmemoración coa organización dunha conferencia que este ano marcado pola pandemia, versa sobre a covid-19. Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística difunde no Portal da Lingua Galega as actividades que desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos para fomentar a ciencia en galego. Estas iniciativas súmanse ás realizadas nas bibliotecas públicas da Xunta baixo a denominación Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.