Sanidade restrinxe a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás
A Consellería de Sanidade acaba de acordar restrinxir a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás. Así o decidiu o Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia, logo da xuntanza desta tarde tras analizar a situación epidemiolóxica na comunidade autónoma. Así mesmo, decidiuse prohibir as xuntanzas de persoas non conviventes nos concellos de Barbadás, Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño, ademais de manter a mesma restrición en Ourense, onde xa estaban en vigor desde o pasado venres.
O comité considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona. Deste xeito, queda restrinxida a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás, polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios.
Así mesmo nos concellos de Ourense e Barbadás, aplicaranse as medidas de nivel 3, polo que estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.
Ademais entran en nivel 2 os concellos das comarcas do Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Allariz, Verín e Valdeorras. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.
Todas estas medidas entrará en vigor dende as 00,00 horas do vindeiro xoves.
Con estas medidas, a intención de Sanidade é poder actuar de xeito máis selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.