Nova historia clínica electrónica
O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; explicou esta mañá no Parlamento de Galicia, ás funcionalidades que recollerá a nova historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde, coa evolución do IANUS5.
O secretario xeral de Sanidade apuntou que o desenvolvemento da historia clínica electrónica é o proxecto tecnolóxico máis importante co que conta a nosa comunidade, a nivel sanitario. Así, destacou que se trata dun sistema que é empregado por máis de 26.000 profesionais das redes sanitaria e sociosanitaria, así como polas institucións penais.
Entre as principais novidades que inclúe IANUS5 están o potenciar a capacidade de conectar cos pacientes, avanzando na transformación dixital, achegando novidades como a carpeta persoal de saúde, as videoconsultas, a conectividade cos dispositivos de saúde (cardioimplantables, hemodiálise, ou bombas de infusión e medición continua da glucemia) ou a procura de casos.
A última actualización do IANUS dará lugar a un sistema “máis transversal, máis accesible e máis colaborativo”, que ademais potenciará a posibilidade de contactar cos pacientes e achegará o traballo dos profesionais á sociedade.
Fuentes Losada, detallou que a incorporación da Intelixencia Artificial, o Big Data ou o uso de algoritmos permitirá mellorar a capacidade diagnóstico do sistema sanitario, adiantando os seus tempos, anticipando posibles enfermidades, e posibilitando a realización de análises comparativas na evolución de patoloxías entre pacientes que posúan patróns semellantes.
“A historia clínica electrónica é o nexo de unión de toda a información e contribúe a xerar moitos datos de valor para a mellorar a asistencia sanitaria”; aseverou ao tempo que apuntou que “con IANUS 5 búscase virar o modelo, situando ao paciente no centro da decisión clínica alá onde estea”.
A evolución deste sistema será beneficioso, tanto para os profesionais sanitarios, que poden incorporar estas ferramentas para a optimizar procesos e avanzar na toma de decisións; como para os cidadáns, ao poder acceder dun xeito rápido e áxil a súa información sanitaria.
O secretario xeral da Consellería de Sanidade incidiu en que a transformación dixital do modelo sanitario sustentarase en diferentes piares, enumerando entre os seus obxectivos: a procura das interconexión total dos ámbitos e axentes sanitarios; a mellora da accesibilidade dos pacientes; ou artellar unha organización apoiada no dato, na automatización de procesos e na intelixencia artificial.
“É necesario orientar á organización cara ao coñecemento e apoiar a toma de decisións do día a día na análise eficiente do dato”, concluíu.
DATOS DAS APLICACIÓNS SANITARIAS
O uso xeneralizado dos servizos de telemedicina e a atención virtual dos cidadáns tivo un crecemento exponencial nos últimos anos no conxunto do territorio español. Esta situación, tamén ten lugar na comunidade galega, na que o emprego de plataformas de teleasistencia -como Telea-; aplicacións dixitais como SergasMobil; ou portal de saúde E-saúde, están a incrementar a súa actividade e utilidade.
No ano 2022, máis dun millón de galegos consultaron preto de 11 millóns de documentos clínicos desde E-saúde, e descargaron máis de 200.000 imaxes de calidade diagnóstica. Ademais, dous millóns de cidadáns galegos xa son usuarios de SergasMobil (o 70 % da poboación), empregando, de xeito cotiá, a súa tarxeta sanitaria virtual.
Por último, durante a pandemia provocada pola covid-19, contar coa plataforma Telea permitiu levar a cabo o seguimento domiciliario de máis 100.000 pacientes e, actualmente, esta dispoñible a posibilidade de integrar nesta plataforma os dispositivos IoT que xeran información na nube nos ámbitos de dispositivos cardioimplantables, hemodiálise, bombas de infusión ou medición continua da glucemia. Ademais, no caso dos cardioimplantables, arestora xa están sincronizados máis de 1.000 dispositivos de pacientes galegos.