Médicos de familia, a primeira liña de vixilancia e control da pandemia
Co fin de aumentar a capacidade de detección dos casos covid-19 en atención primaria como primeira liña de vixilancia e control da pandemia e evitar duplicidades e interferencias entre os diferentes actores que xogan un papel primordial nesta fase da epidemia, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas publicou, o 29 de setembro, na súa páxina web, o Protocolo para a detección e manexo de casos de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (covid-19) en atención primaria. O obxectivo deste protocolo é establecer as accións coordinadas dos facultativos de atención primaria e a Central de Seguimento de Contactos (CSC).
Aos facultativos médicos de atención primaria suprímeselles toda acción burocrática. Deste xeito, manexan os casos sospeitosos e solicitan PCR ou test de antíxeno para o diagnóstico da covid-19, indicándolle illamento ao paciente ata resultado da proba. Ademais comunican o resultado dos casos positivos (casos confirmados) prescribindo illamento e comunicando as sancións en caso de non cumprimento, realizan o seguimento clínico domiciliario durante a enfermidade para controlar a súa evolución e, no caso de gravidade, enviar á atención hospitalaria.
Tamén entran nas súas funcións dar a alta clínica segundo evolución do paciente e, no caso de que un paciente se declare contacto estreito, remitirase esta circunstancia á CSC que estudará o caso e confirmará ou non a condición de contacto estreito. Cada médico de atención primaria ten en Ianus (historia clínica electrónica) os casos positivos e os contactos estreitos do seu cupo.
No referido ao persoal da CSC é o encargado de realizar a enquisa do caso para definir se é contacto estreito ou non o é. Esta entrevista ten unha duración de entre 15 e 20 minutos. O mesmo sucede coa solicitude de PCR o día primeiro da corentena ao contacto estreito, que é útil para estudo de cadea epidemiolóxica realizado por Xefatura Territorial de Sanidade ou Dirección Xeral Saúde Pública. Deste xeito os facultativos non teñen que realizar estas tarefas burocráticas e poden dedicar ese tempo á presentación asistencial. Outro tanto ocorre co seguimento telefónico diario do contacto estreito que é unha persoa sa en corentena e coa alta da corentena que tamén a determina a CSC.