Irene Altabás, especialista en reumatoloxía do Álvaro Cunqueiro, participa na redacción e presentación do ‘Libro branco Saúde e xénero en España’
A doutora Irene Altabás González, médica especialista en reumatoloxía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e investigadora do Grupo Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-mediadas (IRIDIS) do Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, participou na presentación do Libro Branco Saúde e Xénero en España, editado polo Observatorio de Salud (OdS).
Altabás foi seleccionada para explicar as circunstancias que envolven ao lupus eritematoso sistémico, unha enfermidade que padecen 10 mulleres por cada home
O acto de presentación tivo lugar o martes 5 de marzo no Congreso dos Deputados, en Madrid, nun acto que abriu a presidenta do Congreso, Francina Armengol, e no que estiveron representantes do ámbito sanitario da Administración do Estado, do OdS e as autoras e autores dos diferentes capítulos que conforman esta publicación.
PROFESIONAIS SELECCIONADOS
Para desenvolver esta tarefa, o OdS conformou un comité científico encargado da coordinación deste documento, seleccionando á súa vez uns 50 profesionais do ámbito sanitario para a redacción de artigos nos que destacar a necesidade de abordar a investigación, diagnóstico e tratamento de cada unha das súas especialidades cunha perspectiva de xénero. Entre estes especialistas convidados a expoñer a súa visión científica nos seus respectivos ámbitos atópase a doutora Irene Altabás, autora do capítulo relacionado co lupus eritematoso sistémico (LES), unha enfermidade autoinmune crónica que ataca diferentes órganos e tecidos provocando lesións e inflamacións e que é dez veces máis común entre mulleres que homes.
No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, trátanse na actualidade unhas 300 persoas diagnosticadas con lupus eritematoso sistémico (LES), das que un 90 % son mulleres
Segundo expresou a Dra. Altabás: “Ser convidada a participar nesta iniciativa supón poder contribuír a unha publicación tan importante como este libro branco nunha enfermidade, como é o LES, no que a poboación feminina que o padece é significativamente superior. Así mesmo -continua Altabás-, afondar na necesidade de investigar e tratar as doenzas con perspectiva de xénero é absolutamente fundamental, se queremos contribuír a unha ciencia inclusiva, que teña presente a todo tipo de paciente, e con verdadeiro impacto na sociedade”.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
A orixe desta publicación xorde deste Observatorio de Salud, entendendo que era necesaria unha iniciativa con este contido ao estimar que “en España, o 40 % da poboación feminina, fronte ao 30 % da masculina, padecerá unha enfermidade crónica”, e a “espertar unha reflexión en toda a sociedade arredor da necesidade de incorporar políticas e accións sanitarias con perspectivas de xénero”, tal e como indican na páxina web desta organización.
No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo trátanse na actualidade máis de 300 persoas con LES, das que un 90 % son mulleres.