Investigadores galegos destacan que a intelixencia artificial contribuirá ao diagnóstico temperá de enfermidades e a unha atención personalizada dos pacientes
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o enorme labor científico que se leva a cabo en Galicia. Mañá xoves, 23 de maio, celebrarase unha nova sesión, ás 19:00 horas. Poderá seguirse en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na web da Deputación-.
Esta sesión centrarase nas aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Silvia García Méndez, investigadora do Grupo de Tecnoloxías da Información AtlanTTic da Universidade de Vigo abordará as novas tendencias e desafíos actuais que presenta a IA.
“A intelixencia artificial está cada vez máis presente na nosa vida cotiá, máis aínda coa revolución que supoñen as solucións de procesamento da linguaxe natural baseadas en modelos masivos de linguaxe como ChatGPT. En relación a estas solucións de procesamento da linguaxe natural, moi demandadas na actualidade, cómpre distinguir o que suporía un futuro `aumentado´ pola IA, é dicir, no que existen solucións intelixentes que colaboran cos operadores humanos, e outro gobernado por unha IA autónoma. Estes paradigmas espertan o debate sobre a adecuación dos modelos e a súa transparencia” -manifesta a experta-.
A experta tratará de resolver dúbidas como se estes sistemas teñen ou non capacidades dedutivas
Na súa intervención, a investigadora tratará de clarexar cuestións como se realmente entendemos como funcionan estes sistemas, se teñen ou non capacidades dedutivas, que novas tendencias e aplicacións están por chegar ou cales son os principais retos aos que nos enfrontamos neste eido. En relación aos retos que presenta a IA, Silvia García destaca a dificultade na recolección dos datos debido á sensibilidade e confidencialidade da información, ás limitacións no manexo de información de contexto e a memoria destes sistemas, así como o reto da multi-tarefa.
No transcurso da charla, trataranse temas relevantes coma a necesidade de que os usuarios e usuarias finais comprendan a toma de decisións da intelixencia artificial, a chamada interpretabilidade e explicabilidade, así como a cooperación humano-máquina, coñecida popularmente como aprendizaxe de reforzo a partir da retroalimentación humana, entre outros conceptos en auxe neste paradigma tecnolóxico renovado.
A investigadora da Universidade de Vigo analizará casos reais de uso destes sistemas en ámbitos coma a medicina, xa que serán de grande utilidade para o diagnóstico temperá de enfermidades, a partir da información contida no historial clínico, o que permitirá ademais avanzar cara a unha atención personalizada dos pacientes. No eido da industria, nas factorías do futuro contarase con asistentes intelixentes, con relevantes aplicacións na formación de persoal novel, así como na resolución de problemas e incidencias de xeito áxil. No campo da educación, a intelixencia artificial contribuirá á creación dun contorno de aprendizaxe flexible que se adaptará á formación previa, ademais da creación de avatares -representacións xeradas por ordenador que simulan a un ser humano- en diferentes linguas, entre outras posibilidades.
A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias deste ciclo debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/es/-/ciclo-de-conferencias-cientificas-aida-fernandez-rios). As persoas participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.