Galicia rexistra un total de 4.601 casos activos por coronavirus
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.601, deles 765 son da área da Coruña, 475 da de Lugo, 1.605 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 512 da área de Vigo, 628 da de Santiago, e 147 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 41 están en UCI, 218 en unidades de hospitalización e 4.342 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.277 persoas curadas, rexistrándose 797 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 560.887.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
TOTAL GALICIA DENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS NÚMERO DE CASOS 4.601 419 (usuarios) 166 (profesionais) FALECEMENTOS 797 154 (en residencias) 190 (en hospitais e residencias integradas)
Na xornada de onte rexistráronse dous falecementos en centros residenciais. Un tivo lugar na residencia de maiores Val de Monterrei (Monterrei) —home, 89 anos, patoloxías previas— e o outro aconteceu na residencia de maiores Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) —home, 96 anos, patoloxías previas—.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
CASOS VINCULADOS A ESCOLAS INFANTÍS E CENTROS EDUCATIVOS TOTAL GALICIA NÚMERO DE POSITIVOS 486 AULAS PECHADAS 23 CENTROS PECHADOS 1
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.
TELÉFONOS
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
REXISTRO
Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
RECOMENDACIÓNS
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.