Galicia rexistra un total de 254 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 254, deles 30 son da área da Coruña, 143 da de Lugo, 3 da de Ourense, 2 da de Pontevedra, 61 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 6 están en unidades de hospitalización e 248 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.808 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 199.680.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

 TOTAL GALICIADENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS
NÚMERO DE CASOS254                         0 (usuarios)
                         1 (profesionais)
FALECEMENTOS619                     132 (en residencias)
                     142 (en hospitais e residencias integradas)

Na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

SANIDADE REFORZA AS MEDIDAS NA MARIÑA LUCENSE

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe, na compaña do director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares; do xerente da área sanitaria, Ramón Ares, e da xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, que o departamento sanitario galego, logo de avaliar cos técnicos de Saúde Pública e cos profesionais sanitarios a situación e progresión dos datos do foco da covid que está a producirse na Mariña, considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación da Mariña e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona.

Almuiña sinalou que a maior progresión deste brote vincúlase a situacións de ocio, especialmente en varios bares da zona e, con todas as cautelas que temos que ter, -dixo o conselleiro-, neste momento parece que a progresión está acoutada na zona da Mariña. De feito, no resto de Galicia a tendencia segue a ser positiva, con ningún paciente ingresado nas Unidades de Coidados Intensivos e co número total de contaxios que segue a descender.

A situación na actualidade indica que a infección segue a progresar e, das máis de 2.000 PCRs realizadas, detectáronse un total de 106 positivos, dos que 7 xa están curados, co que os activos son agora 99. Afortunadamente, sen unha repercusión notable polo que respecta á asistencia sanitaria, xa que non hai ningún paciente en unidades de críticos.

Tamén remarcou o conselleiro que de momento non hai incidencias nun dos puntos máis vulnerables da pandemia, e todas as residencias de maiores están libres da covid.

Incidiu Almuiña que a maioría dos casos son asintomáticos ou con manifestacións clínicas leves.

NOVAS NORMAS

As novas normas que Sanidade establece para a poboación dos concellos do distrito sanitario da Mariña: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, xa foron comunicadas por Sanidade aos alcaldes e, hoxe mesmo, o conselleiro vai ter unha videoconferencia con todos eles para poñer en común estas medidas e responder ás dúbidas que teñan.

Almuiña agradecéulles aos alcaldes de antemán a súa colaboración para traballar en coordinación na aplicación destas medidas desde a responsabilidade conxunta de todas as administracións.

Tal e como anunciou o conselleiro, o que decidiu o seu departamento é restrinxir a mobilidade dentro do distrito sanitario. Se recomenda restrinxir a mobilidade ao concello de residencia, quedando exceptuados, loxicamente, ademais de motivos laborais ou similares, a circulación meramente de tránsito, que non teña inicio nin finalización neses concellos.

Ademais, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de comunicar esta decisión ao delegado do Goberno e solicitar a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade.

O titular da sanidade pùblica galega dixo que conta coa colaboración de toda a cidadanía da Mariña e do conxunto das galegas e galegos, e dos resto dos españois, como así o demostraron dende que en marzo comezar a pandemia.

Tamén remarcou o conselleiro que velarase porque as medidas de prevención se cumpran con máis intensidade aínda, e as máscaras serán obrigatorias, especialmente no sector da hostelería.

Xunto coas medidas anteriores, o conselleiro anunciou que Sanidade reduce o aforo nos bares e centros de ocio ao 50%, e solicita que o cumprimento dos horarios de apertura e peche se cumpra de forma escrupulosa.

Ademais, establécese un máximo para grupos de persoas non convivintes de 10 e establécense uns límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre

AVALIACIÓN DIRIA

Este conxunto de medidas serán avaliadas de xeito permanente, dia a día, -dixo o conselleiro-, e, por suposto, aliviaranse en función da evolución epidemiolóxica. Para que as restricións se prolonguen o menor tempo posible, o titular da carteira sanitaria pediu a colaboración de toda a cidadanía.

Almuiña fixo fincapé en dúas reflexións que considerou relevante trasladarllas á veciñanza da Mariña. En primeiro lugar, que moitos dos infectados sexan mozos e mozas e a maioría asintomáticos é positivo para eles porque, en xeral, a superación da enfermidade producirase sen grandes problemas, pero este feito dificulta o control, por iso é necesario ser extraordiriamente rigorosos no cumprimento das medidas de prevención.

A segunda reflexión que o conselleiro quixo trasladar é a solicitude a todos para que colaboren coas autoridades sanitarias na identificación de contactos. Por suposto, remarcou Almuiña, o segredo profesional está garantido en todo caso. O conselleiro sinalou que coa implicación institucional e a colaboración da cidadanía, seremos capaces de afrontar este brote e os que se poidan producir.