Galicia promociona a calidade dos produtos do seu mar na feira Fish International de Bremen
Galicia participou esta semana na feira Fish International, que se celebrou en Bremen (Alemaña) entre os días 9 e 11 de febreiro, co obxectivo de promocionar a calidade dos produtos do mar galegos, chegar a novos mercados e ampliar as posibilidades de negocio do sector pesqueiro. A comunidade estivo presente neste evento cun posto da Consellería do Mar que acolleu a 10 empresas coexpositoras do complexo mar-industria galego.
Galicia participou neste encontro sectorial, que se celebra cada dous anos, cun stand de 180 metros cadrados que deu amparo ás empresas galegas coexpositoras pertencentes ao sector pesqueiro, marisqueiro, acuícola e do ámbito da transformación. O posto da Xunta tamén contou cunha área destinada a centro de negocios, na que as empresas coexpositoras puideron manter encontros para ampliar o seu mercado.
As empresas que acudiron á feira da man da Consellería do Mar foron Barlovento, Congelados Noribérica, Mariscos Linamar, Stolt Sea Farm, Paquito, Grupo Ibérica de Congelados (Iberconsa), Grupo Profand, Cassua, Mar do Suido e Pereira Productos del Mar.
FISH INTERNATIONAL
Este encontro sectorial celébrase na cidade alemá cada dous anos e conta cunha importante participación internacional de representantes institucionais e empresariais do sector pesqueiro. Na edición de 2018 contou con máis de 300 expositores e recibiu a máis de 12.000 visitantes. No encontro, no que se dan cita maioristas, minoristas, importadores, exportadores, industrias elaboradoras, expóñense produtos do mar, deseños de envases, tecnoloxías e servizos do produtor ao consumidor.