Galicia avoga por flexibilizar de forma gradual os controis fronterizos con Portugal no Comité Europeo das Rexións

ARCHIVO.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión virtual do Comité Europeo das Rexións (CdR) co obxectivo de reorganizar o traballo da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) na que exerce unha das portavocías.

A liberdade de movemento dos cidadáns dentro da UE foi outro dos puntos abordados nesta reunión, dado os países que conforman o chamado Espazo Schengen reintroduciron os controis fronteirizos como unha forma de conter a propagación do virus. A este respecto, Jesús Gamallo resaltou que estas medidas deben ser só temporais e proporcionadas, xa que a liberdade de circulación é unha pedra angular para a integración europea. É esencial para o funcionamento do mercado interior e a prosperidade das nosas rexións.

Os coordinadores políticos de CIVEX coincidiron na necesidade de que os controis nas fronteiras interiores deben comezar a levantarse de forma gradual e coordinada antes de que as restricións nas fronteiras exteriores poidan relaxarse, tal e como recolle a folla de roteiro conxunto europea sobre a supresión das medidas de contención. Precisamente, a Comisión Europea convidou o venres pasado aos Estados membros e asociados de Schengen, a prorrogar 30 días máis, ata o 15 de xuño, a restrición temporal das viaxes non esenciais de entrada e saída da UE, vixente desde o pasado 16 de marzo.

No caso da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Jesús Gamallo avogou por “flexibilizar de forma gradual estes controis”, tendo en conta a particular permeabilidade da “Raia”, a incidencia sanitaria da pandemia nestas áreas de fronteira e a relevancia das Eurocidades na recuperación económica a curto e medio prazo.

Outros dos temas abordados nesta reunión foron a análise do papel desenvolvido pola UE na resposta a esta crise e como está a afectar á confianza dos cidadáns no proxecto da UE, os limites ao respecto ao Estado de dereito e a democracia no marco dos estados de emerxencia decretados polos diferentes gobernos, e a súa percepción pola cidadanía así como as posibles respostas ás actividades de desinformación de certos actores internacionais, en particular nunha situación de tanta trascendencia como é unha crise sanitaria. Entre as decisións adoptadas, destaca a celebración proximamente un debate virtual para analizar as tensións que se están producindo entre a xestión da crise, o exercicio das liberdades fundamentais e o impacto das chamadas fake news.

Outro dos temas tratados foi a necesidade de adaptar o deseño da conferencia sobre o Futuro de Europa (inicialmente proxectada para maio de 2020) para o outono deste mesmo ano, na medida en que a crise do COVID-19 o permita. A Comisión CIVEX analizou o impacto da crise e a importancia de potenciar a investigación científica e tecnolóxica para combater enfermidades así como de flexibilizar fondos para facer posible a recuperación económica dos países.