Estanse a desenvolver estratexias innovadoras para evitar a resistencia aos tratamentos de cancro
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra teñen en marcha o segundo bloque do IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato, co fin de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. O vindeiro martes, 5 de decembro, vaise celebrar unha nova charla, que terá lugar no IES de Ponte Caldelas, ás 12:00 horas.
O alumnado de primeiro de Bacharelato do centro asistirá a unha charla sobre “Novas terapias que están a revolucionar o tratamento contra o cancro”, que impartirá María Dolores Mayán Santos, xefa do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). A experta salienta que “a investigación científica revolucionou o tratamento contra o cancro con novas terapias como a immunoterapia e terapias dirixidas a dianas que están presentes en células tumorais”. Indica que o seu grupo de investigación está a desenvolver estratexias innovadoras para mellorar a eficacia destas novas terapias e evitar o desenvolvemento de resistencia aos tratamentos. “Traballamos cunhas proteínas que forman canles que modulan a comunicación celular no microambiente tumoral” -explica a científica-.
O cancro é un conxunto de máis de 200 enfermidades diferentes e cada tipo de tumor ten unhas características particulares, o que complica o seu tratamento
O cancro é xa a principal causa de morte no mundo en homes e a segunda en mulleres. Desde 2020 o tipo de cancro máis frecuentemente diagnosticado é o de mama (con 34.000 novos casos anuais só en España), seguido do de pulmón (con máis de 30.000 novos casos). En España diagnostícanse máis de 240.000 casos ao ano, con máis de 100.000 mortes anuais. Para 2040 agárdase un 40% máis de casos a nivel mundial.
Os avances en investigación están a permitir que a supervivencia global desta enfermidade sexa do 50%. Pero, tal como resalta Mayán, “hai tumores máis complexos ou menos estudados que non alcanzan o 10% de supervivencia”. Nesta liña, a científica manifesta que “a única ferramenta dispoñible que temos para facer fronte a esta pandemia é a investigación científica. Desde o primeiro ensaio clínico cunha terapia dirixida capaz de tratar o cancro metastásico en 2010, os avances permitiron aumentar o número de novos fármacos dirixidos cara a unha diana terapéutica concreta, identificada maioritariamente por técnicas de secuenciación xenómica do tumor”. Así, a secuenciación xenómica está a permitir personalizar a medicina mediante a identificación de alteracións e marcas moleculares do tumor, co fin de elixir a mellor terapia posible para cada paciente.
A investigadora apunta que, ademais das terapias dirixidas e da secuenciación xenómica, outro avance que supuxo un fito no cancro é o desenvolvemento de diferentes tipos de inmunoterapias que fan que o noso sistema inmune sexa capaz de recoñecer e destruír as células tumorais.
“O cancro é un conxunto de máis de 200 enfermidades diferentes e cada tipo de tumor ten unhas características particulares, o que fai o seu estudo e tratamento difícil pero posible. O futuro do tratamento do cancro está na combinación de varias estratexias, entre as que se inclúen a quimioterapia, radioterapia, cirurxía, terapias dirixidas e inmunoterapias” -indica Mayán-. Pon de relevo que “cantos máis recursos económicos e humanos dediquemos á investigación en cancro e ao desenvolvemento de novos tratamentos, antes aumentaremos a supervivencia do cancro a porcentaxes que nos permitan curar a enfermidade ou cronificala”.