'Deseña unha xoia para a túa nai'
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron este sabado na cerimonia de entrega de premios do concurso infantil Deseña unha xoia para a túa nai, que organiza o Colexio Oficial de Xoiería de Galicia (Coxga) desde o ano 2010. Nesta edición número doce, a primeira despois de dous anos de parón, o xurado seleccionou 40 finalistas (10 por cada categoría) que se suman aos outros 40 seleccionados polo público.
Os escolares participantes, diferenciados en categorías por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos, debuxaron a xoia que lles gustaría regalar a súa nai. O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia deu a coñecer os 12 gañadores, que poden entregarlle persoalmente ás súas nais as pezas deseñadas por eles mesmos e executadas por xoieiros galegos.
Entre os profesionais que converteron en realidade os deseños dos gañadores atópanse os obradoiros de Artesanía de Galicia Ardentia (Bergondo), Rosende Joyeros (Ferrol), Unión Joyera de Bergondo (Bergondo) e Raúl Pesqueira Fariña (Marín). As doce xoias únicas e exclusivas dos premiados na XII edición do certame Deseña unha xoia para a túa nai sumaranse ás 114 xoias fabricadas con anterioridade nas pasadas edicións.
O obxectivo desta iniciativa é animar os escolares de toda Galicia a introducirse no mundo do deseño de xoias e amosarlles como a súa creatividade pode ter unha aplicación práctica, como apoio á súa formación escolar.
Coa colaboración neste proxecto do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, a Xunta de Galicia quere dar maior visibilidade á profesión dos xoieiros, achegando ao conxunto da sociedade as posibilidades culturais e laborais que ofrece o sector da xoiaría.